Cando remate esta fase de vacinación, o Conselleiro de Sanidade informou que “haberá repesca” nos centros de saúde, pero mentres non chega a repesca a xente quedaría desprotexida. “Xa se están a producir numerosos casos de persoas que non van vacinarse aos centros dispostos e que agardan á repesca na Atención Primaria, co cal, o plan da Xunta devén en fracaso, todo por non reforzar os centros de saúde para que administren xa a cuarta dose da vacina”, aseguran desde IGV.
Para IGV é intolerable que persoas de idade avanzada, “grazas ao traballo e esforzo das que temos Sanidade pública e Atención Primaria descentralizada, vexan como son desprezadas á hora de administrar a cuarta dose da vacina dunha doenza que lles afecta sobre todo a elas.”
As persoas maiores das parroquias máis afastadas dos “vacinódromos” deben xestionar o desprazamento, que inclúe necesidade de acompañamento, en casos de cadeiras de rodas ou mobilidade reducida, e gasto de cartos en taxis, pola falta de liñas regulares de transporte público en moitos puntos. Consideran desde IGV que a vacinación nos centros de saúde de Atención Primaria reduciría gastos e trastornos a estas persoas de máis de 85 anos, “só que o Sergas non reforza os centros de saúde co persoal necesario nin a Xunta contempla un reforzo dos medios de transporte público no medio rural.”
Así prodúcense situacións como a de persoas de 104 anos de Chantada citadas vía SMS para acudir a vacinarse ao centro de vacinación disposto en Monforte, ou persoas en cadeiras de rodas que non poden saír sen axuda, ou a xente da Montaña de Lugo que debe ir ao HULA, tendo unha hora de traxecto en coche só para recibir a vacina.
“A actitude da Xunta cara a sanidade é preocupante”, sinalan, “A violencia exércese de moitos xeitos: os trastornos económicos e para as persoas maiores con mobilidade reducida son violencia. Os recortes matan.”
Dende Interior Galego Vivo súmanse ás voces que reivindican o reforzo da Atención Primaria de saúde no medio rural e a disposición inmediata da vacinación da cuarta dose da vacina contra a COVID19 a maiores de 85 anos nos centros de saúde.