Festa da Mocidade en Quiroga o 17 de decembro

Este sábado, 17 de decembro, o BNG de Quiroga celebra a ‘Festa da Mocidade’, un encontro no que non faltará a música tradicional, pinchos e o concerto do grupo emerxente Tiam GZ. Ademais os nacionalistas aproveitan estas datas de Nadal para facer unha acción de apoio ao comercio local.

TIAM Gz

A ‘Festa da Mocidade’ quere reunir nunha xornada de lecer ao público máis mozo, pero ábrese á participación de persoas de todas as idades que estean interesadas, sobre todo na sesión de tarde na que haberá unha ‘pequena foliada’.

A actividade do sábado comezará no local Ruxe-Ruxe entre as 20:00 e as 21:30 h. haberá pinchos de balde e música tradicional a cargo do grupo local O Recanto, e xa a partir as 23:30 h. un concerto de balde a cargo do grupo de rap galego Tiam GZ. Os chantadinos comezaron no ano 2018 con Iago Suárez (largueiro), Álex Varela (Alessov), Brais Vázquez (Torozas) e Matías Zelarayán (Mr Mati). Os integrantes do grupo definen a súa música como “rap feito na casa para transmitir as nosas ideas persoais, incluimos temática político-social que se encadraría no galeguismo combativo”. Afirman que o rap é o xénero musical que máis os representa porque outorga máis liberdade de expresión a quen canta e convida á reflexión e ao pensamento a quen escoita.

Campaña comercio local

O concelleiro do BNG en Quiroga, Xosé Manuel Fernández, de forma individual e acompañado doutros membros da formación nacionalista, asegura que “estamos a visitar diferentes establecementos da vila de Quiroga para compartir uns minutos cos comerciantes, preguntar como van os negocios e ofrecer apoio para ideas ou proxectos que poidan mellorar as vendas.” Como detalle simbólico están agasallando a estes emprendedores cun calendario para o vindeiro ano 2023, calendario no que destaca un deseño representativo do “Comercio de Quiroga”.

A obra gráfica, realizada coa colaboración da empresa local Deikí, representa un corazón que se adapta á forma do mapa territorial do concello de Quiroga destacando sobre a mesma o lema “Comercio de Quiroga, o latexo do teu pobo”. “

A acción pretende tamén sensibilizar a quiroguesas e quirogueses para que teñan presente o comercio local como primeira opción para facer as súas compras e que contrasten sempre que o produto ou servizo que buscan pódese atopar en comercios e negocios de Quiroga”, conclúen.

“Comercio de Quiroga, o latexo do teu pobo”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here