A supresión dos pasos a nivel do casco urbano de Monforte terá que esperar, despois de que Adif anunciara que, polo momento, reduciranse no término municipal de Lugo. Este anuncio leva á presidenta do PP de Monforte, Katy Varela, a criticar ao rexedor, José Tomé, “O alcalde volve a incumplir o seus compromisos sobre os pasos a nivel de Monforte. É a demostración de que é un alcalde de propaganda”.
A portavoz do PP monfortino engade que a presencia dos pasos a nivel na cidade “é un problema cidadán que vai máis alá do político e que, polo que se ve, interesa a todos os veciños menos ao alcalde”. As obras anunciadas pola administración de ferrocarrís, que nesta ocasión non se executan en Monforte, enmárcanse dentro das actuacións de mellora que se están a realizar no tramo ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.
Porto Seco
Katy Varela denuncia tamén o deixamento do rexedor monfortino no que respecta ao porto seco, “no que un paso a nivel dificulta a conexión coa N-120 e ao que non se lle saca partido pola pasividade e escusas do alcalde José Tomé, que entorpece a posta en marcha desta importante infraestrutura na que a Xunta leva investido máis de 20 millóns de euros”.
A portavoz popular monfortina destaca que “dende o Goberno galego vense pedindo ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que deixe de poñer continuos obstáculos para que a Xunta avance neste proxecto e garantir unha conexión do porto seco con Ourense e a Meseta. Hai atrancos polo modo de enlace coa estrada nacional que se prevé converter en autovía e tamén porque reclama a eliminación dun paso a nivel de Adif”, explica Varela.
“A correcta xestión sería acordar con Adif a supresión do paso a nivel necesario para concluír os accesos ao porto seco e potenciar estes terreos como un auténtico polígono industrial de Monforte, sen ter que utilizar recursos que virían ben para arranxar outras necesidades da cidade”, conclúe a voveira popular.