Reaccións do BNG de Pantón ante as últimas diferenzas locais

Os nacionalistas responden ás últimas comunicacións públicas do alcalde, José Luis Álvarez, en relación á sentenza das traballadoras do SAF e á subvención da Deputación Provincial.

Entrada ao Concello de Pantón / XdL

Un dos temas obxecto de diferenzas entre alcalde e BNG de Pantón é o recoñecemento por vía xudicial para as traballadoras do Servizo de Atención no Fogar dunha xornada laboral de 37 horas e media en lugar das 40 actuais. Os nacionalistas aplaudiron o fallo xudicial do xulgado do social número 1 de Lugo –sentenza recorrible aínda– e o alcalde, reaccionaba afirmando que as traballadoras do SAF “están tranquilas co concello” sinalando ademais que non había ningún conflito e que “a denuncia da CIG nace dalgunha persoa que quere desestabilizar ao persoal, pero as traballadoras estanme chamando que non están de acordo con estas queixas”. O alcalde insiste en que as traballadoras non chegan ás 37 horas semanais, “como se recolle nos seus partes de xornada laboral”.

Pola súa banda, o BNG de Pantón, fixo un comunicado de réplica afirmando que de manterse firme este fallo abriría a porta ás lexítimas reclamacións individuais das traballadoras e que o actual rexedor debería dar explicacións públicas e detalladas da sentenza e das consecuencias económicas que terá para as arcas municipais, “así como explicar por que non se chegou a un acordo antes”.

Tras analizar a sentenza, dende o BNG din tamén que “están a avaliar que accións se poden levar a cabo, de cara a evitar males maiores, porque non podemos esquecer que nas bases do proceso de consolidación o actual alcalde insiste en cambiar a xornada laboral deste colectivo de luns a domingo, cando hai tamén unha sentenza firme na que se declara esta de luns a venres”

O outro asunto discrepante é o da perda dunha achega da Deputación de Lugo para arranxar o acceso á piscina municipal a través do Plan Único. O alcalde asegura que a culpable desta situación é a empresa adxudicataria, á que se lle rescindiu o contrato por incumprimento e o tema levarase agora ao xulgado. Lamenta o rexedor que a oposición non o apoiara para recuperar a subvención coa Deputación.

O BNG de Pantón asegura que a relación podería ser outra se o concello informase á oposición das xestións que fai. “Cando soubemos da perda, os cartos xa eran irrecuperables desde o punto de vista legal e administrativo porque aparecía na documentación da Deputación xa neste 2023. O alcalde fai ver que a recuperación orzamentaria dun ano anterior é posible, cando non o é e espera colaboración cando non nos informa de temas importantes para o concello e despois traslada aos medios que non apoiamos”, afirma RosaAna Prieto, voceira do BNG pantonés.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here