Desde IGV insisten nos valores da cataña como un froito de excelente calidade nestas terras e un complemento fundamental para a economía das familias e tamén para a alimentación de persoas e animais. A metade das castañas galegas destínanse ao consumo en fresco e a outra metade ás industrias de transformación para o seu pelado e conxelado ou para a elaboración de produtos como fariñas, cremas e confituras. En postos de traballo, estímase que este sector supera os 500 empregos directos e os 800 indirectos, con máis de 230.000 xornadas de recolleita.
“Os castiñeiros forman parte da nosa paisaxe, esta non se entende sen os soutos, e os castiñeiros, alí onde están presentes, son un dos maiores freos contra os lumes, sen considerar a súa achega contra a mudanza climática. Tamén é unha parte fundamental da nosa cultura desde hai séculos, sirvan como exemplo as tradicións vinculadas aos magostos que se celebran na práctica totalidade das nosas parroquias como unha celebración colectiva e na intimidade das familias”, encomia IGV.

Este ano 2023, comezou a campaña de recollida coa esperanza, entre as persoas produtoras, dunha boa colleita despois de anos bastantes malos, pero a climatoloxía estragou as boas perspectivas. Sofren produtores e comerzializadores, ademais dos soutos. Consideran entón que as administracións deben tomar medidas urxentes para protrexer ao sector e demandan á Xunta de Galicia que estableza axudas económicas cando os produtores demostren perda de ingresos neste sector nos últimos dous anos; conceptualización de “souto tradicional” para diferencialo de soutos de nova e recente plantación e axudas e liñas de actuación para a recuperación de soutos tradicionais tendo en conta os seguintes dous puntos:
- Supresión para a concesión de axuda na conservación de soutos do requisito dun mínimo dunha hectárea en coto redondo. A realidade dos soutos tradicionais dinos que os propietarios/produtores particulares teñen moita superficie diseminada en moitos sitios diferentes, sendo extremadamente raro e excepcional superar esa superficie nun único souto. Isto explícase polo sistema tradicional de herdanza e a interese das familias de ter asegurada a produción de castaña a través de soutos en puntos distintos.
- Eliminación como elemento de baremación de méritos ser comunidade de montes veciñais en man común (CMVMC). Non hai ningún souto tradicional en mans dunha comunidade de montes veciñais en man común (CMVMC) xa que é un elemento de economía particular, non eran de explotación e aproveitamento colectivo, agás o feito social da Rebusca, e para iso segundo dereito xermánico só afecta o froito mais non á propiedade do terreo nin dos castiñeiros.
IGV reclama tamén da Xunta: liñas de financimento, adaptadas aos ciclos económicos do rural, campaña de promoción do produto orientada á desestacionalización e incremento do seu consumo e a pór en valor a IXP e, garantir con controis máis estritos que as carnes co selo “de castaña” teñan unha alimentación maioritaria composta por fariña de castaña ou castaña.