O BNG de Monforte desenvolverá unha serie de accións para reclamar que se cumpran os compromisos asumidos por Renfe no 2021 para a recuperación progresiva dos servizos suprimidos pola pandemia.
Este 25 de xaneiro de 2024, entre as 10:30h e as 13:00h organizan recollida de sinaturas na Rúa Cardenal de Monforte. O sábado 27, ás 12:00h, terán concentración diante da estación de ferrocarril de Monforte. Como xa fixo o pasado día 21 de decembro, desenvolverase simultaneamente na estación de Sants, en Barcelona, e contarase coa presenza de Néstor Rego, deputado do BNG no Parlamento español.
A nivel institucional, no vindeiro pleno, do día 29 de xaneiro, os nacionalistas presentarán unha moción na que solicitan que o Concello de Monforte inste ao Ministerio de Transportes y Mobilidad Sostenible, á reposición dos trens nocturnos, “cumprindo así co compromiso
asumido en 2021″.
Lembran desde o BNG que o ferrocarril é un dos medios de transporte máis sustentables e ecolóxicos que existen, sobre todo o de longas distancias. Tanto a Unión Europea, como numerosos Estados membros, están a potenciar o tren como medio de transporte prioritario, rexurdindo así os trens hoteis nocturnos. No Estado español, coa escusa da pandemia, RENFE suprimía os trens nocturnos, “e pérdense as conexións dos trens nocturnos que unían Galiza con Madrid e Barcelona, como xa se perdeu con anterioridade a conexión con Irún. Esta política de recortes é especialmente daniña para as comarcas do sur de Galiza, onde o ferrocarril foi e é un elemento dinamizador no social e no económico”.