Desde Por Chantada explican que, a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia regula a iniciativa galega de concellos emprendedores co obxecto de favorecer a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais con simplificación das barreiras normativas e administrativas.
Esta iniciativa da Xunta desenvólvese desde o 2017 en colaboración coa FEGAMP. Para adherirse, entre outras cousas, os concellos deben comprometerse a proporcionarlles ás empresas e ás persoas emprendedoras as seguintes vantaxes:
- Incentivos fiscais con bonificacións de ata 95% do IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen unha nova implatación ou ampliación de empresas xa existentes.
- Concesión das licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais desde que dispoñan da documentación completa e todos os informes sectoriais preceptivos.
- Facilidades de acceso ao solo industrial con bonificacións e incorporación do direito de superficie.
Engaden que, os concellos adheridos son discriminados positivamente pola Xunta na concesión de axudas que se convocan en réxime de concorrencia competitiva a favor das empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro, nas axudas destinadas á implantación e ao funcionamento das iniciativas empresariais. “É dicir, beneficiaríanse as empresas e o concello, mais o alcalde e o PP fían todo a un proxecto da Ribeira Sacra que non é incompatíbel con isto nen é aínda unha realidade”, conclúen desde Por Chantada.