HomePolíticaO proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei pon en...

O proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei pon en alerta a forzas políticas dos concellos próximos

O PSOE de Chantada e o BNG de Taboada manifestan a súa oposición ao proxecto, mentres na Deputación os populares din non entenden que "tanto PSOE como BNG se opoñan á creación de emprego na provincia rexeitando unha iniciativa de apoio ao proxecto de Altri en Palas de Rei".

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O BNG de Taboada asegura que unha vez coñecido o proxecto que a empresa portuguesa quere executar en Palas de Rei, “atópanse con algo moi diferente ao anunciado hai dous anos”.

Aseguran estar a favor de iniciativas industriais nosa provincia, pero que non interfiran nos sectores produtivos xa existentes nin hipotequen a calidade de vida da veciñanza, “Unha celulosa como a que Altri quere poñer en marcha non nos compensa no longo prazo polas súas consecuencias no medio ambiente (especialmente no río Ulla, pero tamén nunha ampla zona recoñecida como Reserva da Biosfera onde Taboada está incluída) e na saúde das persoas (podendo agravar patoloxías respiratorias ou liberando partículas potencialmente canceríxenas)”.

Consideran unha irresponsabilidade poñer en marcha unha empresa “que consuma tanta auga ela soa como toda a provincia de Lugo, tendo en conta que cada verao o noso concello e os da nosa contorna teñen problema de seca, e isto é algo que irá a máis de aquí en diante polo cambio climático”.

“Non queremos unha industria que converta as parroquias da Ulloa nun deserto verde, que irá chegando tamén a Taboada. Non queremos ver como as nosas fincas rústicas e urbanas perden valor por estar a poucos quilómetros dunha macro-celulosa”, aseguran os nacionalistas; e demandan unha industria sustentable que deixe beneficios aquí, “mentres con este proxecto a maior parte dos beneficios van para fóra. Se tan boa iniciativa é, por que Altri non se instala en Portugal?

Lembran que hai dous anos díxose que Altri sería unha fábrica de fibras téxtiles e crearía 2000 empregos. “Hoxe xa se anuncia unha macrocelulosa que empregará só un 10% do persoal anunciado daquela. Escurantismo e enganos, que podemos esperar das promesas que a Xunta, o Partido Popular e Altri están facendo?”

O PSOE de Chantada tamén amosa o seu rexeitamento ó proxecto de Altri. Ademais do risco para o medio ambiente, amósanse preocupados pola afectación da fábrica sobre todos os sectores, dende o agrogandeiro ata o servizos, especialmente ao turismo do Camiño de Santiago.

Segundo os socialistas, a presenza de Altri pon en risco a viabilidade dun sector rural con gran peso das explotacións agrogandeiras e forestais. “Nunha zona rural, un proxecto coma o de Altri impide que haxa hectáreas dispoñibles para aumentar a base territorial das granxas, compromete o cumprimento dos requisitos para a produción de alimentos, resta recursos hídricos ás explotacións… Así como afecta ó sector forestal, ás industrias da zona e incluso ós comercios e hostalería. Pero tamén á poboación xeral cun cambio climático que cada vez arrea con máis forza”.

Refírense tamén ao consumo enerxético e que os postos de traballo non serán os comprometidos inicialmente. “Débese esixir que os fondos europeos que ían ir para Altri se destinen a proxectos industriais na comarca que sexan máis respectuosos co medio ambiente e que creen empregos de calidade”, conclúen.

Mentres os deputados populares aseguran non entender que tanto PSOE como BNG “se opoñan á creación de emprego na provincia ao rexeitar unha iniciativa de apoio ao proxecto de Altri en Palas de Rei garantindo o cumprimento de toda a normativa medioambiental, técnica e outras que sexan de aplicación, tendo en conta que no 2022 apoiaron tanto no Parlamento de Galicia como na Deputación de Lugo a súa implantación na provincia”.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...