Apuntan os nacionalista que a Xunta de Galicia vén de comunicar que “debido ás actuacións necesarias para a execución da mellora da estrada na LU-651, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, é preciso pechar totalmente ao tráfico a estrada LU-651 entre a intersección co cruzamento coa estrada que vai ao CPI Uxío Novoneyra e a Moreda e o núcleo de Seoane.”
“A estrada quedará totalmente pechada (24 horas ao día, os 7 días da semana) ao tráfico de calquera tipo de vehículos e peóns polas actuacións na ponte situada no punto quilométrico 32,7. O inicio deste corte será o día 5 de agosto de 2024 dende as 8:30 h ata o día 11 de outubro de 2024”, explican desde o BNG.
Consideran que a situación supón unha “auténtica falta de respecto para coa veciñanza do Courel”. “A pesar das evidencias da mala organización das obras, a renuncia de varias empresas, e a pouca previsión a respecto dos condicionantes do terreo no que se están a desenvolver os traballos, o organismo autonómico desentendeuse absolutamente das súas responsabilidades, e permitiu que, pouco a pouco, o caos reinara na execución das obras de mellora da estrada”, ata chegar ata hoxe, apuntan os nacionalistas.
O BNG denuncia máis de dous anos de traballos e ningún quilómetro rematado, desvíos que implican moitas decenas de quilómetros extras, retrasos e esperas, en ocasións, de máis dunha hora, para a veciñanza e as persoas que traballan nesta comarca, numerosas reservas anuladas nos restaurantes que tentan dar servizo aos viaxeiros que se achegan…e lamentan que a situación se dea en plena tempada alta.
“Parece que, entre os incendios, a pésima conexión dixital, a falta de facultativos na sanidade, as estradas que se veñen abaixo por mor de obras privadas, derrubes naturais e, agora, a nefasta xestión dunha obra que comezou sendo necesaria e remata (se remata algún día), sendo unha auténtica dor de cabeza, ao Courel botáronlle un meigallo, Pero non é meigallo, é a evidencia da neglixencia da Xunta de Galicia, a proba de que este territorio está moi lonxe das prioridades da administración autonómica, con Xeoparque ou sen el”, conclúe o BNG.