O relator da moción e voceiro de Por Chantada – Interior Galego Vivo, Antom Fente, explicou que o fundamental para o sistema de pensións é a solidariedade interxeracional, “a calidade do traballo, para o que é necesario que exista emprego e salarios altos”. Fente explicou que , “o Fondo de reserva da Seguranza Social, a denominada como Hucha das pensións, volve incrementarse situándose hoxe en 5578 millós de euros polo recorte de cotizacións”.
Así a corporación aprobou:
1.- O Concello de Chantada comprométese coa dignidade das persoas pensionistas e apoia que, por lei, se estabeleza que a pensión contributiva mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional (SMI).
2.- O Concello de Chantada manifesta a súa adhesión á campaña pola blindaxe das pensións na Constitución Española, mediante a prohibición expresa da privatización do Sistema Público de Pensións e da perda de poder adquisitivo das pensións, blindando as pensións como unha prestación social fundamental.
3.- Dar traslado ao Congreso e ao Senado do Reino de España dos acordos adoptados para que lexislen e, por lei, se estableza que a pensión mínima sexa, cando menos, igual ao SMI, aplicando revalorizaciós anuais progresivas ata 2030. En todo caso, e con carácter inmediato, nengunha pensión contributiva no mundo rural debería ficar por baixo dos 1000 euros.
Segundo o IGE (Enquisa Estrutural a Fogares), case nun terzo dos fogares galegos os únicos ingresos proceden de prestacións públicas, polo que o que o nivel de benestar e calidade de moitas familias depende dunha pensión. Nas provincias de Lugo e Ourense unha gran porcentaxe das rendas dos fogares proveñen de prestacións: o 37,69% e o 43,04% respectivamente. As pensións galegas son das máis baixas de todo o Estado: en 2024, a media das pensións é de 1.250,71 € mes a nível xeral, en canto na Galiza é de 1.070,48 €, un 14,5% inferior. “Isto agrávase nas provincias de Lugo e Ourense, que son as que contan coas pensións máis baixas de todo o Estado, algo especialmente dramático nas pensións de viuvez, por baixo de 700 €, o que non sucede en ningunha outra provincia”.
As pensións en Ourense e Lugo, segundo datos do INSS, non superaron a barreira dos 1000€ de media, e só este ano 2024 superaron lixeiramente os 1000€ as de xubilación, mais continúan sendo as máis baixas de todas. No caso das mulleres a situación aínda é máis dura. Así mesmo, entre a poboación de máis de 65 anos hai unha tendencia de aumento da taxa de risco de pobreza e exclusión social nos últimos anos e constátase que nas zonas rurais os niveis de desigualdade e pobreza son máis elevados ca nas áreas urbanas.
“Mellorar a contía das pensións do interior galego non só beneficia á maioría da nosa poboación, perceptora das mesmas, senón que favorece ao conxunto da nosa economía dado o seu elevado peso no conxunto das rendas dos nosos concellos. É por iso que agardamos que a moción aprobada por unanimidade en Chantada sirva de modelo para outros concellos e teña resonancia no Congreso e no Senado, onde deberían importar máis os problemas reais da cidadanía e menos os intereses da banca de das multinacionais”, conclúen desde Por Chantatada IGV.