Na xornada que acolleu a Casa da Cultura de Monforte debateuse sobre a mobilidade en Galicia no século XXI, tanto por estrada como por ferrocarril, e tanto para persoas como para mercadorías. José Tomé foi o encargado de presentar a xornada, baixo o título de “A mobilidade en Galicia no século XXI” destacando que “escoller Monforte para falar de Infraestruturas é realmente, axeitado tendo en conta que o Ferrocarril entrou en Galicia por Monforte, sendo no seu día un nó ferroviario moi importante, non só en Galicia, senón tamén en España, onde chegaron a traballar 1.500 ferroviarios”.
Neste senso, José Tomé salientou que a mobilidade mellora a vida da xente, axuda a fixar poboación, dinamiza a economía e o emprego e fai competitivo a un territorio”, e reivindicou que Galicia “necesita todo isto e precisa tamén asentar a súa presenza nos grandes fluxos de mercadorías, fluxos que son globais, que teñen que enlazar os produtos dos pequenos produtores locais nas rutas interiores galegas e estatais que dan continuidade cara o resto de Europa ás mercadorías que chegan polos portos do Atlántico e do Cantábrico”.
O tamén Alcalde de Monforte pechou a súa intervención destacando un exemplo de mobilidade de éxito, como é o autobús urbano municipal. Posteriormente, o Secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo moderou a primeira das mesas de debate, que abordou a mobilidade por estrada, e na que estivo acompañado por Isabel Pardo de Vera, ex-Secretaria de Estado de Transportes, Carlos López Font, Deputado autonómico no Parlamento de Galicia e Patricia Otero Rodríguez, Deputada no Congreso dos Deputados. A segunda das mesas de debate, centrada na mobilidade por ferrocarril, foi moderada polo
senador César Mogo, e contou coa participación de José Antonio Sebastián Ruíz, Comisionado do Goberno de España para o Corredor Atlántico, Óscar Gómez Barbero, Director Xeral de Negocios e Operacións de RENFE, e Sergio Vázquez Torrón, presidente de INECO.
Finalmente, o acto foi clausurado por José Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSdeG- PSOE, quen puxo en valor as 10 xornadas que se desenvolveron, en diferentes cidades e vilas de Galicia, baixo o título Diálogos con Raíz, Socialistas con Raíz, nas que se abordaron todo tipo de temáticas e problemáticas relacionadas co presente e futuro de Galicia, no horizonte do vindeiro 15º Congreso do PSdeG-PSOE, que se celebrará en Santiago o 8 e 9 de marzo.