Tras revisar hai unhas semanas o estado do Museo Provincial, os deputados do Grupo Provincial Popular, vistaron esta semana o Pazo de Tor que, “atravesa por un momento complicado por mor da falta de mantemento máis básico”, aseguran.
Na visita que realizaron os representantes do PP comprobaron como “o deterioro avanza dentro dun dos espazos culturais máis singulares da provincia, que leva anos sufrindo a deixadez do goberno provincial”. Antonio Ameijide sinala que no transcurso da visita “observamos humidades en distintas estancias do Pazo o que provocou diversos desconchóns nas paredes e nos teitos”.
O voceiro popular explica que o Pazo de Tor “é un ben patrimonial de primeiro nivel, polo que debería de ser coidado con regularidade, algo que non se está a producir polo que presenta un aspecto impropio da súa importancia histórica e cultural”.
O portavoz popular reclamou ao goberno provincial — especialmente ao BNG como responsable da área de Cultura — “un compromiso real co Pazo de Tor, porque a situación actual non só prexudica a imaxe do propio museo, senón tamén a de toda a provincia porque a imaxe que levan os turistas que o visitan é de abandono a pesar da importancia histórica que ten”.
Dende o Grupo Provincial Popular segue a reclamarse que se poña en marcha un plan de mantemento periódico para toda a rede museística provincial, que inclúa reparacións estruturais, control de humidades, renovación de elementos deteriorados e unha supervisión técnica continuada que evite que os edificios que albergan os museos sigan degradándose.

Pazo de Tor deterioro / PP provincial

