Na súa intervención na Comisión de Cultura, Suárez defendeu as cualidades desta cova artificial escavada nunha rocha das ribeiras do río Cabe ao seu paso por Pantón, destacando que se trata dunha cova rupestre que data de, alomenos, os séculos V ou VII. A cova ten planta de cruz latina e os seus vestixios visibles apuntan unha orixe paleocristiá e, con certeza, da alta Idade Media, coincidente con primeiros asentamentos monásticos na Ribera Sacra.
“Unha das maiores xoias do noso patrimonio e da nosa historia colectiva como galegas e galegos, pódese comprar”, advertiu, despois de apuntar a existencia dun anuncio publicado en redes no que unha inmobiliaria de Vigo animaba con este argumento a mercala: “Mírame bien. Lo que estás apunto de ver es historia pura, esta casa esconde algo que no debería estar a la venta, pero lo está: un eremitorio paleocristiano”.
Segundo indicou Suárez, a cova descubriuse publicamente no 1997 e era usada como adega, despois de que o propietario construíse unha casa sobre a propia cova. “De se confirmaren as hipóteses das persoas expertas, poderiamos estar ante a primeira pegada do cristianismo rexistrada na Peninsula Ibérica”, afirmou, advertindo que nos encontramos ante “unha xoia, das máis destacadas e das moitas marabillas que hai na Ribeira Sacra”.
A este respecto, o deputado nacionalista recordou as varias veces que o BNG trouxo ao Parlamento propostas de defensa do Patrimonio da Ribeira Sacra que o PP non respaldou, con casos como A casa de torno do Saviñao, A capela de Guadalupe en San Vitorio de Ribas de Miño, A Torre de arcos e o Pazo de Suatorre en Chantada, O pazo de Vilar de Taboada ou o túnel Romano de Montefurado en Quiroga, entre outros.
A iniciativa do BNG, que foi rexeitada polos votos en contra do PP, reclamaba incoar no prazo de un mes a declaración da Capela do Cotillón como Ben de Interese Cultural, tomar as medidas necesarias no ámbito competencial da Xunta para impedir a súa venda e poñer en marcha todas as medidas que sexan necesarias para protexer a capela e poñer en valor o espazo no que se localiza.

