Os deputados nacionais Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades diríxense ao Goberno de Sánchez de forma conxunta cos representantes do Partido Popular por Ourense no Congreso -Celso Delgado, Rosa Quintana e Ana Belén Vázquez- para pedir explicacións sobre o cumprimento por parte da adxudicataria do estudo e posterior redacción de proxecto e esixir que ADIF presente un calendario crible de licitacións, adxudicacións e fin de obras.
“Os atrasos e incumprimentos do Goberno de Sánchez en relación ás obras na liña ferroviaria da provincia son unha constante”, segundo denuncian dende o PP lucense. De forma particular, chaman a atención pola situación das obras do tramo Covas-Monforte de Lemos que forma parte do Corredor Atlántico ferroviario e que moi probablemente “non estean rematadas a finais do 2030” para dar cumprimento ao establecido pola Comisión Europea de finalizar a rede básica desta infraestrutura antes do 31 de decembro de 2030. “Unha situación que perxudicaría a mobilidade de mercadorías e persoas en Galicia coa conseguinte perda de oportunidades para os sectores económicas e as empresas da nosa provincia”, engaden.
Francisco Conde advirte das “malas condicións de fiabilidade e seguridade nesta liña por falta de mantemento e modernización” e apunta que “son habituais os problemas dos viaxeiros que usan os escasos trens que circulan por esta liña”; xa que reiteradamente “sofren atrasos, desprendementos da catenaria, caídas de noiros e limitacións temporais de velocidade”.
Os populares, na súa labor de control parlamentario, teñen dirixido ao Executivo varias preguntas por escrito en materia ferroviaria e, concretamente, sobre este tramo de 85 km de lonxitude que forma parte do traxecto Vigo-Ourense-Monforte-Valdeorras-Ponferrada-León.
Os deputados do PP tamén esixen ao Goberno de Sánchez explicacións sobre os motivos do atraso na finalización das obras de rehabilitación do cable de enerxía de 2.200V no tramo Covas (Rubiá) – Monforte de Lemos pertencente á liña de ancho convencional León – A Coruña. Nestes momentos descoñécese o estado de cumprimento do contrato formalizado en xaneiro do 2022, que tiña un prazo de execución dun ano e piden dende o Congreso que o Goberno e ADIF concreten a data para a finalización destas actuacións.

