A formación política asegura non entender que “nun dos Concellos que máis enerxía produce do país, as incidencias na rede afectaran milleiros de persoas abonadas, deixando durante horas sen electricidade vivendas, explotacións agrogandeiras, comercios, empresas e servizos esenciais”, con máis de nove horas de interrupción do servizo en menos dunha semana.
Desde Por Chantada consideran que a cidadanía debe ter unha explicación clara e detallada sobre as causas e as medidas previstas para que non se repita. A este respecto lembran que xa tiñan presentado, despois do primeiro corte de luz, solicitude ao concello para facer as xestións necesarias “sen ter recibido resposta”.
Con todo solicitan á Xunta que investigue as causas dos cortes, que avalíe o cumprimento dos estándares de calidade esixidos á empresa distribuidora, que informe sobre os investimentos realizados na rede eléctrica que presta servizo a Chantada e que determine se existen deficiencias estruturais ou carencias de mantemento. E demanda ao Concello de Chantada “que abandone a súa pasividade e exerza unha defensa activa dos intereses da veciñanza afectada, reclamando información completa á empresa distribuidora e mantendo informada á cidadanía das actuacións realizadas”.
Para Por Chantada resulta preocupante que a situación se dea nun concello produtor de enerxía, “Chantada soporta desde hai décadas os impactos asociados aos encoros de Belesar e Os Peares, aos aproveitamentos hidroeléctricos como o de Tarrío, ás liñas de evacuación de numerosos parques industriais eólicos e os propios parques Serra do Faro I e II, mais continúa sufrindo problemas de subministración que non deberían producirse nun territorio que contribúe de forma decisiva á produción enerxética da Galiza”.
Que poden facer as persoas afectadas?
Por Chantada – Interior Galego Vivo lembra que as persoas afectadas poden reclamar polos danos e perdas sufridos como consecuencia dos cortes no fornecemento eléctrico através do procedemento IN635A da sede electrónica da Xunta. E recomendan:
• Conservar facturas, recibos e demais documentación acreditativa dos danos.
• Fotografar alimentos estragados, avarías en electrodomésticos ou calquera outro prexuízo ocasionado polos cortes.
• Solicitar informes técnicos cando se produzan danos en aparellos eléctricos ou electrónicos.
• Apresentar reclamación perante a empresa comercializadora ou distribuidora correspondente.
• Informarse nos servizos de Consumo sobre as compensacións económicas que poidan corresponder en aplicación da normativa sobre calidade do servizo eléctrico.
O BNG de Chantada leva o tema ao Parlamento
BNG a través do seu candidato á Alcaldía de Chantada e deputado no Parlamento Galego Iago Suárez e do portavoz de enerxía e minas dos nacionalistas Xosé Manuel Golpe, vén de rexistrar unha batería de iniciativas na cámara galega esixindo información á empresa e á Xunta de Galicia.
“Diante deste panorama, resulta imprescindíbel que a Administración competente en materia de industria e enerxía exerza de maneira efectiva as súas competencias de inspección, control e sanción, garantindo que as empresas distribuidoras cumpren cos estándares de calidade fixados polo ordenamento xurídico e acometen, de xeito urxente, as inversións necesarias para corrixir as deficiencias estruturais da rede en Chantada”, manifesta Iago Suárez.

