A moción chega nun momento especialmente significativo, despois de que o informe de ICOMOS sobre a candidatura da Ribeira Sacra á Lista do Patrimonio Mundial puxese de manifesto o abandono dos elementos patrimoniais vinculados á cultura da auga. Segundo Por Chantada o organismo asesor da Unesco considera “especialmente rechamante que unha candidatura centrada precisamente na paisaxe da auga non incorporase unha avaliación completa do estado de conservación dos elementos hidráulicos. Unha observación que afecta directamente a muíños, batás, fábricas da luz, aserradoiros e outras infraestruturas tradicionais que forman parte da identidade histórica da Ribeira Sacra e do concello de Chantada”.
Para Por Chantada, esta crítica internacional confirma que, “as administracións levan anos investindo enormes recursos en campañas promocionais e candidaturas institucionais, en canto descoidan o patrimonio real que din defender.”
A iniciativa de Por Chantada parte do traballo de investigación realizado por Antonio Paz Vázquez e Claudio Otero Eiriz, recollido na obra Os muíños e as outras industrias tradicionais da auga do Concello de Chantada, onde se documentan 102 muíños e numerosas infraestruturas asociadas ao aproveitamento tradicional da auga. Segundo esta investigación, 78 muíños xa desapareceron completamente e moitos dos que aínda permanecen en pé presentan un estado de conservación precario, existindo un risco real de perda irreversible deste patrimonio.
Propoñen iniciar un inventario e catálogo municipal específico, impulsar a protección urbanística destes elementos, desenvolver un plano de recuperación progresiva e crear roteiros patrimoniais que permitan divulgar e aproveitar cultural e turisticamente, “Chantada forme parte da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e, ao mesmo tempo, non ten catalogado practicamente ningún muíño nen ningunha das súas antigas industrias da auga”.
Por Chantada considera que non abonda con falar da Ribeira Sacra nos discursos institucionais nin con organizar actos promocionais, “Se queremos preservar e transmitir o noso patrimonio ás xeracións futuras, cómpre actuar sobre o terreo e deixar de permitir que muíños, batás e fábricas da luz continúen derrubándose diante da pasividade das administracións”, sinala o voceiro da formación, Antom Fente.

