O deputado e vicepresidente da Deputación, Efrén Castro e o portavoz municipal en Monforte, Emilio Sánchez ratificaron a oposición á Ponte do Malecón nunha rolda de prensa na propia localización. Castro explicou que o convenio entre o Concello de Monforte e a Deputación responde a unha decisión unilateral do PSOE, “o BNG non tivo ningunha participación nin na redacción, nin na tramitación nin na aprobación dese convenio interadministrativo, que se xestionou en ámbitos de competencia exclusivamente socialista. Cando se incorporou á orde do día da Xunta de Goberno, manifestámoslle o noso desacordo ao Partido Socialista e non asistimos á Xunta de Goberno”
Efrén Castro insistiu en que a xestión do convenio provocou “a maior discrepancia que tivemos no seo do goberno provincial”, e admitiu unha “merma de confianza” no Partido Socialista. A este respecto, confirmou que o BNG solicitará unha reunión entre as executivas e os grupos provinciais das dúas formacións para abordar esta cuestión.
Emilio Sánchez, pola súa banda lembrou que “a oposición do BNG á ponte é publica e frontal desde que coñecemos os detalles deste proxecto que estragará o Malecón, cunha ponte innecesaria, que non responde ás necesidades de mobilidade de Monforte. Presentamos iniciativas en todas as institucións e estivemos sempre á fronte da resposta social a este proxecto”.
O BNG local considera especialmente grave que unha decisión desta relevancia se adoptase “sen a transparencia nin a lealdade política que merece un goberno de coalición. Se os fondos do convenio estaban destinados a financiar a ponte do Malecón, esta cuestión debía terse debatido previamente entre os dous socios do executivo provincial e non presentarse como un feito consumado, coñecendo o amplo rexeitamento social e político que esperta este proxecto”.
O BNG asegura que a súa posición é a mesma en Monforte, na Deputación e a nivel nacional, “Defendemos os mesmos principios en todas as institucións: a protección do patrimonio, do medio ambiente, unha mobilidade sostible e un urbanismo pensado para mellorar a calidade de vida das persoas”. Reclaman do PP de Monforte que “exerza sobre a Xunta de Galicia a mesma presión que o BNG está disposto a exercer dentro da súa propia organización. Se o PP local asumise ese papel, esta situación estaría resolta hai tempo”.

