O BNG considera que o emprego de drons pode ser unha solución eficaz para garantir a continuidade de moitas explotacións “contribuíndo así á conservación da paisaxe, do patrimonio e da actividade económica ligada ao viño”.
A responsable comarcal do BNG na Ribeira Sacra lucense, Rosa Ana Prieto Florines, sinala que “na Ribeira Sacra temos unhas condicións moi particulares: está prohibida a mecanización en boa parte dos viñedos e tamén o rego automático, polo que os viticultores necesitan alternativas viables para manter unha actividade que forma parte da nosa identidade e da nosa economía”.
Con todo, desde o BNG deixan claro que esta autorización debe ir acompañada dunha regulación rigorosa, “Hai que facelo dun xeito garantista, protexendo a saúde das persoas e tamén a flora e a fauna”. Consideran imprescindible que a futura normativa estableza diferenzas claras entre zonas habitadas, zonas chairas e as ribeiras, “adaptando as condicións de uso dos drons ás características de cada espazo e establecendo todas as medidas de seguridade necesarias”.
“O equilibrio entre a protección ambiental e a viabilidade da viticultura heroica é perfectamente posible. O que fai falta é unha lexislación sensata, baseada na evidencia científica e adaptada á realidade da Ribeira Sacra”, conclúe a responsable comarcal.

