A primeira das propostas reclama ao Goberno municipal que esixa á empresa adxudicataria das obras da Praza da Estación a correcta finalización dos traballos, reparando todas aquelas deficiencias e remates que aínda presenta a actuación. O Bloque considera que unha obra desta importancia non pode darse por concluída mentres existan acabados deficientes ou elementos pendentes de executar.
Para o BNG, trátase dunha cuestión de responsabilidade na xestión dos recursos públicos. A reforma da Praza da Estación supuxo un importante investimento económico e o Concello debe garantir que a empresa cumpra integramente co contrato, esixindo a reparación de todos os desperfectos antes da recepción definitiva da obra.
A segunda iniciativa propón a instalación de puntos públicos de recarga para vehículos eléctricos no Parque dos Condes. O BNG considera que esta localización é especialmente axeitada pola súa situación céntrica, pola ampla dispoñibilidade de prazas de estacionamento e pola proximidade aos principais servizos, equipamentos e zonas comerciais da cidade.
Os nacionalistas lembran que o número de vehículos eléctricos medra de maneira constante e que Monforte debe adaptarse a esta nova realidade dotándose dunha rede pública de recarga suficiente. Ademais, destacan que a Ribeira Sacra recibe cada vez máis visitantes e que contar con este tipo de infraestruturas supón un valor engadido para o turismo e para a imaxe dunha cidade comprometida coa sustentabilidade.
O BNG lembra tamén que existen diferentes liñas de financiamento procedentes doutras administracións e da Unión Europea que poden cubrir unha parte moi importante, e mesmo a totalidade, do investimento necesario para instalar estes puntos de recarga, polo que consideran que é unha oportunidade que o Concello non debería deixar escapar.

