O BNG de Monforte lamenta a suspensión do Torneo do Cuadrado de Voleibol, unha cita que durante dezaseis edicións se consolidou como un dos eventos deportivos e sociais do verán e que este ano non poderá celebrarse como consecuencia das actuacións realizadas polo Concello no seu emprazamento habitual. O responsable local do BNG, Manuel Luaces, sinala que “o Torneo do Cuadrado era moito máis ca unha competición deportiva. Era unha desas tradicións inseparables do verán monfortino, unha semana de tardes e noites compartidas, de deporte, convivencia e reencontros que xa forman parte da memoria de varias xeracións de monfortinos e monfortinas”.
Luaces considera especialmente grave que esta situación non sexa consecuencia da falta de vontade do Club Korbis, senón dunha decisión política. “É moi triste comprobar como unha obra que custou case 700.000 euros, que eliminou arborado e espazos verdes e que nunca foi unha prioridade para a veciñanza, acabe levando por diante un evento que daba vida ao centro da cidade e dinamizaba o comercio e a hostalaría local”.
Desde o BNG lembran que xa advertiran durante a tramitación do proxecto das consecuencias dun modelo urbanístico baseado na eliminación de espazos verdes e na creación de infraestruturas “sen atender ás necesidades reais da veciñanza nin ao impacto que poden ter sobre actividades consolidadas”.
O responsable nacionalista quixo trasladar tamén unha mensaxe de recoñecemento ao Club Korbis e a todas as persoas que fixeron posible o torneo ao longo destes anos. “Unha cidade non se constrúe só con obras. Constrúese coas persoas, co deporte, coa cultura e cos espazos que favorecen a convivencia. Cando unha decisión política provoca que Monforte perda unha parte da súa identidade, é evidente que se escolleu o camiño equivocado”, conclúe Luaces.
Esperta Monforte reclama mellor criterio nos investimentos deportivos
Desde Esperta Monforte consideran que a perda, aínda que sexa temporal, dunha das citas deportivas máis importantes do verán monfortino debe servir para reflexionar sobre a importancia de planificar as infraestruturas deportivas cunha visión de futuro. “Os grandes eventos necesitan instalacións que permitan consolidar a práctica deportiva durante todo o ano e garantan que Monforte poida seguir sendo un referente nun deporte cunha longa tradición na nosa cidade”, aseguran desde Esperta que xa ten presentado distintas iniciativas para construir unhas pistas municipais de volei praia.
Segundo Esperta Monforte non se trata unicamente de conservar un evento consolidado, “senón de crear as condicións necesarias para que o vólei praia poida practicarse durante todo o ano e para que o municipio poida seguir acollendo competicións de referencia”.
Lamentan as decisións adoptadas nos últimos anos en materia deportiva. “A política ten sentido cando serve para anticiparse aos problemas e non unicamente para reaccionar cando estes xa se produciron. Esperta Monforte leva anos defendendo a necesidade de dotar á cidade dunhas pistas de vólei praia permanentes. Defendémolo en pleno cando a proposta. A diferenza é que nós non cambiamos de discurso: mantivemos a mesma convicción, a mesma proposta e o mesmo compromiso co deporte monfortino”.

