Na exposición de motivos, Esperta explicaba que Monforte, segunda cidade da provincia de Lugo, non ten ningunha escola infantil 0-3 da rede autonómica. Conta cunha escola municipal de 41 prazas, financiada polo Concello, e cunha gardería privada co mesmo número de prazas. Segundo o IGE, en xullo de 2025 había no concello 532 nenos e nenas de 0 a 4 anos, e a lista de agarda da escola municipal para o curso 2026-2027 foi de 26 crianzas.
A moción aprobada insta á Xunta a incluír nos Orzamentos de 2027 unha partida para iniciar unha escola Galiña Azul en Monforte, e a presentar no Parlamento, antes de que remate 2026, un plan orzamentario para cubrir toda a demanda de 0-3 no sur de Lugo, coa escola de Monforte en funcionamento en menos de tres anos. “O Pleno pídea por amplísima maioría, o Concello pon o terreo e o diñeiro houbo. O único que faltou foi vontade da Xunta”, asegura Vázquez, que anuncia que Espertamonforte fará seguimento do cumprimento destes acordos. O alcalde comprometeuse no Pleno a ceder o terreo para que a Xunta constrúa a escola “mañá mesmo” se así o decide.
Lamenta a formación política as explicación dadas polo PP no pleno. “O Partido Popular vén ao Pleno pedir que o Estado colabore, cando o Estado xa puxo o diñeiro e foi a Xunta quen o devolveu. Non se pode reclamar corresponsabilidade a quen che deu os cartos e ti lle devolviches. Mentres a Xunta devolvía millóns, en Monforte quedaban 26 nenos e nenas en lista de agarda.”
Na súa intervención de peche, Vázquez lembrou que a rede Galiña Azul é autonómica e que é a Xunta quen decide onde se constrúe unha escola: “Non hai que agardar polo Goberno de España para poñer unha escola en Monforte”.

