A representación teatral tivo lugar nos Salóns do Pazo dos Condes de San Vicente do Pino o pasado venres 25 de outubro, xusto antes da cea que compartiron un centenar de congresistas como peche á primeira xornada deste xa recoñecido encontro médico especializado na cirurxía urolóxica.
Unha decena de actrices e actores de Viraventos representaron a lenda monfortina “A mitra de ferro ardente” en verso, nunha versión escrita por Fran Bouso. Para a ocasión o elenco habitual de Viraventos estivo reforzado polo actor vasco, residente en Monforte, Iñaki Castro que encarnou ao VI Conde de Lemos, Don Beltrán. Tamén participou na posta en escena o urólogo Alejando Sousa, membro da organización do evento, que actuou como narrador.

Os asistentes a este pase privado puideron coñecer a lenda popular dun xeito ameno nun tempo que se aproximou á media hora. A versión representada en verso e galego actual, está baseada na publicación de Galo Salinas Rodríguez, de 1894.
A peza teatral
O Conde de Lemos, Don Beltrán (Iñaki Castro) é chamado por Afonxo X, O Sabio, para participar nas cruzadas. Ao estar viúvo Beltrán, deixa ao coidado do Abade, Don Ramiro (Gonzalo Rodríguez), a súa filla Elviriña (Sara Fuente). O abade desexa a Elvira, pero ante a imposibilidade de conquistala bota man dun alquimista xudeu, Benxamín Gúrrias (Juan Castro), que lle dá á nena unha apócema coa que lle fai perder a vontade. A beberaxe chega a provocar a morte da infante que falece pouco antes de que o seu pai regrese da guerra. Un dos seus criados, Mauro (Manuela Fuentes), que foi testemuña do acontecido, relátalle ao Conde o sucedido. Don Beltrán desespera e prepara a vinganza coa axuda dos seus criados e soldados (Teresa González, Josefina Rodríguez, Pilar Rodríguez e Helena Arnaiz).

A representación tivo certo grado de interactividade coa participación “espontánea” dos urólogos participantes no congreso Elena López e Javier Sánchez. A dirección correu a cargo de Fran Bouso e a maquillaxe e caracterización realizouna a súa filla, Paula Bouso. Dos efectos especiais, atrezzo e vestiario encargouse a Sociedade Galega de Uroloxía, nomeadamente Alejandro Sousa. Como figurantes actuaron camareiros do Parador.
Vindeiras representacións
O grupo de teatro Viraventos estreará o vindeiro domingo 10 de novembro a peza Sucesos. A obra está baseada en textos do mariñán, falecido o pasado ano, Gustavo Pernas, baixo a dirección de Eva Ferreira. Sucesos tamén será representada no Salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte de Lemos o sábado, 16 de novembro. Despois desta función tamén teñen previsto poñela en escena na Mariña a través do circuíto de teatro afeccionado Buxiganga que promove a Deputación de Lugo.