InicioPolíticaO BNG reclama a paralización de proxectos eólicos en Quiroga, Valdeorras, Caldelas...

O BNG reclama a paralización de proxectos eólicos en Quiroga, Valdeorras, Caldelas e Trives

Representantes do BNG das comarcas de Lugo Sur e Valdeorras manifestáronse de novo contra a instalación de cinco parques eólicos que, partindo da Serra do Cereixido, teñen previsto ocupar terras dos concellos de Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Castro Caldelas e Trives.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Representantes do BNG de Quiroga e A Rúa, acompañados polas deputadas do BNG Carme Aira e Maria Albert, achegáronse aos terreos nos que está prevista a implantación de varios parques eólicos para comprobar de primeira man o impacto ambiental e patrimonial que tería a instalación desta industria nun espazo que no 2008 se prevía como de expansión da Rede Natura.

Concretamente estiveron no acceso e na contorna onde se proxectan os parques eólicos seguintes: Orballeira, Neboada e Xeada. A vía de entrada e servizo está prevista por Bendilló, no ramal da N-120 que sube polas Farrapas, e eses tres parques abranguerían territorio entre Bendollo –en Quiroga– A Rúa e Vilamartín de Valdeorras. A serra máis afectada sería a Serra de Cereixido.

Estiveron no acceso e na contorna onde se proxectan os parques eólicos seguintes: Orballeira, Neboada e Xeada

No rexeitamento aos proxectos inclúen tamén os parques de Treboada e Ventumelo, xa na contorna de San Xoán de Río, Castro Caldelas e Trives, pois a liña de evacuación dos proxectos citados anteriormente saltaría ao Concello de Ribas de Sil e pasaría por estes para evacuar toda a enerxía xerada polos cinco nunha subestación da Pobra de Trives. Daquela, o proxecto total destes 5 parques relacionados, suporía a instalación de 60 muíños e 250 Mw.

Neste contexto, a deputada por Lugo, Carme Aira, alertou da “invasión eólica que está a promover a Xunta de Galiza sen acordo social, sen planificación real e sen retorno económico no territorio”

Carme Aira, deputada do BNG por Lugo. Foto: BNG

Desde a organización nacionalista remarcaron que o BNG ten presentado xa distintas alegacións e iniciativas nos concellos e no Parlamento reclamando a paralización destes proxectos “fraccionados irregularmente”, en palabras de Aira, obtendo o veto do Partido Popular como resposta.

O BNG ten presentado xa distintas alegacións e iniciativas nos concellos e no Parlamento reclamando a paralización destes proxectos

A deputada Maria Albert subliñou que “o Bloque Nacionalista Galego ten presentado alegacións a estes proxectos referidas non só a ese fraccionamento ilexítimo senón tamén ás afeccións que sobre o territorio e o patrimonio terían os aeroxeneradores e as liñas de evacuación que percorrerían o territorio até descargar na subestación de Trives”.

Un aspecto importante no que queren fixar a atención da cidadanía afectada por estes proxectos é que a afectación das poligonais destes parques converte en industrial unha grande superficie que hoxe ten usos forestais, agrícolas ou gandeiros e incluso núcleos de poboación na súa totalidade.

O BNG entende que “é prioritario consensuar un novo Plan Sectorial Eólico que protexa as zonas sensíbeis, que garanta o retorno económico e en postos de traballo no territorio e que non incida no expolio enerxético no que tan cómodo parece atoparse o goberno da Xunta de Galiza”, destacou Carme Aira.

“É prioritario consensuar un novo Plan Sectorial Eólico“, Carme Aira

Por último, Maria Albert subliñou que o BNG continuará a realizar xuntanzas coas entidades e concellos afectados para “tratar de suplir a falta de información e o escurantismo promovido polo PP para evitar a resposta social”.

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...