Iniciosociedade'Brinde e pregón de Goya' para unha Feira do Viño de Amandi...

‘Brinde e pregón de Goya’ para unha Feira do Viño de Amandi como as de antes

A festa de exaltación dos caldos da subzona de Amandi, na D.O. Ribeira Sacra, foi un éxito. Moitísimo público asistiu nas dúas xornadas da fin de semana e para poñer a guinda un pregoeiro de luxo, Chechu Salgado. Reproducimos o seu emotivo pregón no que 'varreu para a que considera a súa casa', Sober.

Publicado o

- Advertisement -

Todo apunta a que a XLII Feira do Viño de Amandi abriu a veda das Feiras do Viño da ‘nova normalidade’ despois de ver o éxito de organización e de afluencia de xente que pasou polo Concello de Sober esta fin de semana.

Un total de 23 adegas tiñan expositores na gran carpa, así como tamén os dous oleiros de Sober: Figulus e Elías de Reitoral de Gundivós. Na contorna, como en edicións anteriores á pandemia, había un pequeno mercado de produtos da zona e artesanía, así como tamén diferentes postos de alimentación e os postos típicos de todas as feiras.

Tanto na xornada do sábado 9 como na deste domingo 10 de abril, non faltou a música para ambientar a gran carpa que aloxaba os stands das adegas. Houbo música tradicional, charangas, a Banda de Sober e concertos. O sábado noite puxeron a rebentar a praza os Gin Toni’s e este domingo pechaban a festa Os Satélites.

O prato forte deste Domingo de Ramos, tras a Cata Oficial e antes da entrega de premios correspondente –adegueiros e concurso do cartel anunciador–, era o pregón do soberino Chechu Salgado ás 13:00 h. Despois do discurso do alcalde, Luis Guitián, tomaba a palabra o actor soberino diante dunha praza ateigada de xente.

Aspecto da praza antes do pregón de Chechu Salgado / XdL

DISCURSO DO ALCALDE DE SOBER

Luis Guitián tomou a palabra coa benvida a todas e todos os presentes e a continuación puxo en valor o poder de adaptación e resistencia de Sober ao “adaptarse ás circunstancias e sacar adiante dúas edicións da festa” nos momentos duros da Covid19. Neste senso quixo render homenaxe “ás mulleres e homes que fan do viño de Sober e da Ribeira Sacra un territorio vivo e con futuro”.

Tamén, como non, tivo palabras para Chechu Salgado,”Chechu Salgado naceu en Sober porque, loxicamente, en Sober non nace calquera”, e engadía o rexedor, “aos de Sober cáenos a baba cando falamos do neto do Susi e da Mila, do fillo da Mariví ou do sobriño do Alberto e o Pacha. Ese é Chechu para nós”.

Rematando a súa intervención agradecía a presenza da corporación do Concello de Bóveda, concello convidado nesta edición, e a participación dos adegueiros, institucións públicas e empresas privadas que colaboraron na organización da festa; e remataba cunha lembranza ao conflito bélico, “oxalá os nosos brindes co mellor viño do mundo sirvan para devolver a cordura a eses seres inhumanos que provocan os conflitos”.

Luis Guitián, Alcalde de Sober, no momento do discurso / XdL

PREGÓN DE CHECHU SALGADO

Como puidemos comprobar de preto, nun intre con el antes de saír a escena, Chechu estaba visiblemente emocionado. As lembranzas do lugar, a responsabilidade do que representaba o momento, e a ‘presión emocional’ da familia, amigas e amigos que por alí andaban, non o poñían doado. Pero a ilusión era grande e o público esperaba polas súas verbas. Foron estas:

“Nin nos soños máis profundos aparecían da man un Goya e o pregón da feira do viño de Amandi, do meu fogar.

No mesmo ano ter un éxito laboral tan importante, un éxito que só tiña espazo para existir na miña imaxinación e un recoñecemento tan precioso da xente do lugar que me viu nacer.

Por que si! Eu son froito desta terra. Eu nacín aquí e con esta chuvia e este sol fun madurando.

Nesta praza aprendín a andar, a xogar, a bailar , a caerme e a levantarme sempre coa atenta mirada dende esa ventá da miña avoa da Mila, e da Lala e dos meus tíos e por suposto dos meus pais.

Un pouco máis arriba, un pouco máis agochado, por enriba da mina, alí din os meus primeiros bicos e os meus primeiros tragos. Sempre tardaba en chegar á casa e sempre estaban todos enfadados.

Aquí pasei os mellores veráns da miña vida, bañándome no Cabe e no Sil. Recorrendo a Ribeira Sacra. Recorrendo os lugares que marcaran a miña infancia e a miña vida. Aprendendo a recoñecer  os aires da miña terra e conformando, sen sábelo, ese lugar tan necesario o que todos, nalgún momento, necesitamos volver. As nosas raíces.

Aquí aprendín a desfrutar da vida e a vivir con paixón. Tamén que se non sudas a camisola non consegues nada e que non só dependes de ti para pechar un ano con éxito, coma no viño dependes de moitas circunstancias alleas ao teu traballo para ter un ano bo.

Por iso sempre hai que ter os pés na terra, ser sensible aos cambios do noso redor e deixarse levar pola intuición (como estou intentando facer eu para escribir este pregón).

Creo que unha das grandes relacións entre o cinema e o viña son precisamente a paixón e o esforzo. Tamén que ambas están feitas para o desfrute e para a reflexión das persoas.

Cantas boas conversacións aparecen bebendo una botella de viño ou despois dunha película. Cantas risas, cantas discusións, cantas noites de amor…

Tanto o viño como o cinema conéctannos directamente coas nosas raíces, axudan a traballar a imaxinación e sitúannos no mundo.

O viño de Amandi e o cinema galego entendidos coma un pasaporte para comunicarnos co resto do mundo.

Canto me axudou estando fóra falar con alguén descoñecido dunha película en común ou cantas conversacións puiden abrir porque na carta de viños tiñan viños de Amandi.

Xa vou rematando que aquí vimos ao que vimos.

Grazas a todos os que estades nesta praza escoitando estas palabras  por regalarme un recordo imborrable.

E por suposto que temos una grandísima historia  detrás pero eu brindo polo precioso futuro que temos por diante.

Viva Sober!

Viva a feira do viño de Amandi!

Chechu Salgado no momento do pregón / XdL

PREMIOS AOS VIÑOS GAÑADORES

Os gañadores da cata da XLII Feira do Viño de Amandi foron:

Rosado: Regina Viarum Rosae 2021

Branco: Imbrice 2021

Tinto Xoven:

Rectoral de Amandi Mencía 2021

Rectoral Gundivós Amboa 2021

Don Bernardino Mencía 2021

Outra añadas: Don Bernardino 4Generación 2018

Representantes dalgunhas das adegas premiadas. Foto: Prensa Concello de Sober

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...