Unha moi boa nova e un avance importante para facer algo de xustiza con tantos e tantas coidadores/as que día a día atenden a milleiros de dependentes en Galicia.
Trátase dun convenio especial que permite a alta na Seguridade Social, sen ningún custe para eles, daqueles coidadores non profesionais de persoas que teñen recoñecida unha prestación económica pola súa situación de dependencia.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, trasladoulles información sobre esta iniciativa, así como dos trámites e requisitos para acollerse a estes convenios especiais, a todos os alcaldes da provincia, a través dun correo electrónico enviado aos 67 concellos. Esta comunicación detallada ten como obxectivo garantir que os empregados municipais que se ocupan dos servizos sociais dispoñan dos datos necesarios para informar a todos os posibles beneficiarios.
Os posibles beneficiarios/as poden subscribir dende o 1 de abril un convenio especial coa Seguridade Social sen ter que pagar eles as cotizacións, que correrá a cargo da Administración Xeral do Estado e non xeran custe ningún ao coidador non profesional. Con esta medida, da que se poden beneficiar maioritariamente mulleres, permitirá que os anos dedicados ao coidado da persoa dependente pasarán a formar parte da súa vida laboral e contribuirán a xerar dereito a prestacións como a de xubilación ou a de incapacidade permanente.
tramitación
Este convenio especial diríxese a persoas designadas como coidadoras non profesionais no Programa Individual de Atención, elaborado polos Servizos Sociais correspondentes ao concello de residencia da persoa solicitante. Para subscribilo é preciso que non estea dada de alta na Seguridade Social en ningún réxime e que a persoa que recibe os coidados ten que ter recoñecida a prestación económica de dependencia.
A solicitude débese presentar nas oficinas da Tesourería da Seguridade Social nas que existe un formulario para este fin. Tamén se pode solicitar na sede electrónica utilizando o servizo de “Alta en Convenio Especial”, sempre que se dispoña de certificado electrónico. Hai que acompañar o formulario correspondente coa resolución da prestación económica da dependencia e o DNI tanto do coidador non profesional como da persoa dependente.
Se ao subscribir o convenio se opta pola base de cotización equivalente ao tope mínimo do réxime xeral, o pago da cota será asumida na súa totalidade pola Administración. No caso de que o coidador non profesional opte por unha base de cotización superior, a Administración do Estado asume a cota correspondente á base mínima de cotización e o coidador paga o resto.
Información ao detalle na páxina web da Seguridade Social.