IniciosociedadeEva Iglesias, o sorriso máis contaxioso do Land Rober, na Mostra do...

Eva Iglesias, o sorriso máis contaxioso do Land Rober, na Mostra do Viño de Pantón

A cantante e colaboradora do famoso programa da Televisión de Galicia, será a encargada de dar o pregón o vindeiro domingo 19 de maio en Ferreira de Pantón. Falamos con ela e desvélanos detalles curiosos da súa traxectoria artística.

Publicado o

- Advertisement -

Sen restar protagonismo aos Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que se mostrarán do 17 ao 19 deste mes na vila do Castro de Ferreira, un dos atractivos desta edición da mostra vinícola é contar con Eva Iglesias; unha recoñecida showman televisiva que, tras vivir unha interesante etapa como cantante en diferentes orquestras, chegou ao mundo da televisión e está triunfando no Land Rober.

Contactamos con ela e todo foron facilidades. O que nos chega da rianxeira Eva Iglesias é simpatía, proximidade e unha gran humildade tras os éxitos que está acadando no panorama televisivo.

Cando eras pequena, que querías ser de maior?

Cantante. Dende pequena tiña claro que quería ser cantante. Creo, incluso, que dende que estaba na barriga de miña nai (risas).

E na casa encantados, supoño?

Si, claro. De feito meus pais levábanme ás festas e pasaba toda a noite cantando e bailando diante do palco. Chamaba tanto a atención ver a unha nena tan pequena dándoo todo que moitas veces subíanme ao escenario a cantar algo coas orquestras.

A túa vocación estaba clara, logo?

Pois si. Miña nai anotábame a concursos de canto e compaxinábaos co cole. No 2006 estiven como ‘recanteira’ no concurso do Luar. Gañei esa edición e a partir dese momento empecei a traballar en orquestras. Foron 10 anos nos que estiven na Orquestra Marbella, Abanico, Cinema e outra vez na Marbella.

Unha década prodixiosa?

A verdade é que o pasei moi ben, foi unha época boa, “para min non era traballo” (risas). Era duro polo traballo que hai detrás, os quilómetros, ensaios, renunciar á vida familiar e social no verán… Pero o balance foi moi positivo, aportoume moito.

E como chegaches á televisión?

No ano 2009 fun ao Land Rober cunha compañeira, María. Daquela había unha banda en directo e coñeciamos ao baixista. As dúas eramos cantantes de orquestra e empezamos a facer colaboracións no programa. Eu non coñecía nin o programa e alí empecei a facer esas intervencións con María. Lembro que o primeiro tema que interpretamos foi “O polvorete” (risas).

E tivo continuidade a cousa, claro.

Si, as aparicións empezaron sendo esporádicas e pouco a pouco xa me propuxeron participar en Sketches.

“eu sempre digo que

a min páganme por rir”

E ti para diante, non te intimidaches?

Eu sempre fun botada para adiante. Tíñalle algo de respecto pero, xa metida e coa boa xente que coincidín, foi doado.

Xa se nota que o pasas ben nos sketches.

Si, eu sempre digo que “a min páganme por rir” (risas).

Despois do parón de Land Rober, pola marcha de Roberto a Madrid, o programa volveu e pensaron en ti. Cóntanos.

Foi un momento no que me foi todo rodado. Eu estaba prantexándome deixar as orquestras e xusto nese momento chamoume Alberto Devesa, produtor de Land Rober, para propoñerme formar parte do equipo. Imaxínate, dixen que si encantada. E “foi a mellor decisión que puiden tomar” porque os compañeiros/as cos que estiven e estou son marabillosos.

Dentro dese equipo, que tal con Touriñán?

Con Touri xenial, temos un ‘feeling’ especial e estou moi guai con el. “Entendémonos con só unha mirada” e así é moi doado traballar, é un compañeiro de dez.

A túa traxectoria no mundo da farándula foi a máis tamén estes anos, verdade?

Si, tiven a oportunidade de traballar en producións televisivas como Augasquentes e Viradeira na TVG e en Fariña, a serie que produciu Bambú para Atresmedia. Na galega tamén presentei o programa “Todo queda na casa”. En todos estes traballos paseino xenial.

Este domingo virás a Pantón, na Ribeira Sacra. Coñeces esta terra?

Sei dela, sobre todo pola miña etapa nas orquestras, pero como turista non tiven aínda oportunidade de ir.

Como recibiches a noticia do ofrecemento para ser a pregoeira da Mostra de Viños?

Eu encantada. Aceptei sen pensalo.

Como tes ese pregón, encamiñado ou xa rematado?

Estou en proceso. Acabando de documentarme sobre a zona, mirar por onde o enfoco, etc.

Gústache o viño?

Pois non, e tal como estou tampouco o podería beber (risas).

Por certo, parabéns polo embarazo. Todo ben?

Grazas, vai todo moi, moi ben, e con ganas de ser nai.

Eva Iglesias. Foto cedida pola Produtora Destino Bergen.

ÚLTIMAS

Este día 9, Cantos de Taberna na Pobra do Brollón, Salcedo e Cereixa

O evento comezará ás seis da tarde e rematará o circuíto ás once da...

Ata o 12 de decembro pódense solicitar prazas na Ludoteca de Nadal de Sarria

“Sarria Concilia 2023-24” ten prazo aberto de inscrición ata o 12 de decembro....

Concerto da soprano, Aida Gimeno, o 9 de decembro en Sober

O Concello de Sober e as Xuventudes Musicais organizan esta proposta que achega ao...

Pintores de Carballedo, nacer en Carballedo ten o seu aquel artístico

Xosé Randolfe Vilariño é un dos ilustres de Carballedo, nado no lugar de Quintá...