O Centro de Drogodependencias de Monforte presta servizo xa no barrio da Estación

As novas instalacións da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Monforte atópanse agora na Praza da Estación, número 17; no denominado “Cuarto de Axentes do ADIF”.

Inauguración Unidade Asistencial de Drogodependencias / Concello de Monforte

O traslado do Centro de Drogodependencias permite que quede libre o edificio de Sanidade, ubicado na avenida de Galicia, polo que nos vindeiros días o Equipo de Goberno do Concello iniciará os trámites coa Dirección Xeral da Policía do Ministerio do Interior para acometer o acondicionamento de dito edificio, co obxectivo de que acolla a nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte.

En canto ás obras das novas instalacións da Unidade Asistencial de Drogodependencias, tiveron un custe de 90.000 euros e fixéronse con cargo ó Plan Único da Deputación Provincial de Lugo e con fondos propios do Concello de Monforte. Dotouse o centro de instalacións eléctricas renovadas, saneamento e abastecemento de auga. Tamén foi substituída toda a carpintería de aluminio que existía. O novo espazo dispón, trala reforma levada a cabo, de 14 salas e despachos:

  • Unha sala de espera
  • Dous baños, un deles adaptado especificamente ás necesicades dos usuarios do Centro.
  • Unha sala de terapias
  • Un laboratorio
  • Un taller
  • Un almacén
  • Sete despachos

Segundo o alcalde, José Tomé, as novas instalacións “permitirán ofrecer un mellor servizo ós usuarios e permitirán que o persoal do Centro, formado por 7 persoas, poida traballar con máis comodidade e en mellores condicións”. O alcalde tamén fixo fincapé en que “este traslado vai beneficiar tamén ós establecementos comerciais desta zona da cidade e contribuír á dinamización da mesma”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here