É domingo pola mañá, día pechado de choiva en Monforte e con pouco movemento de xente e de coches na cidade. O panorama convida a almorzar chocolate con churros e dáme por ir á churraría que hai na emblemática Compañía. Aínda que non se ve moita circulación polas rúas, diante dos quioscos atopo a clásica estampa dos coches parados en segunda fila cos intermitentes postos.
Pídolle unha ducia de churros a Xosé Lois e dáme por preguntarlle o tempo que leva alí traballando. Cando me di que empezou con 8 anos, no ano 1967 e cando aínda se facía feira na Compañía, vin que a cousa podía dar para unha pequena entrevista.
Tal como conta este coñecido churreiro de Monforte, alá polo 1967 empezou a traballar axudándolle ao dono, que daquela era o coñecido como “Canabal”. E segundo insiste Xosé Lois, nada tiña que ver con Canaval de Sober. Daquela, a churraría estaba diante das “Casitas” e aproveitaba ben que a feira se facía alí, aínda que no 1970 xa a levaron para A Pinguela. Anos despois trasladouse a Ponte Fontecha, onde hoxe está correos, e no 1989 xa pasou ao lugar actual sendo os quioscos unha obra da época na que estivo Severino de alcalde.
“Daquela, a churraría estaba diante das “Casitas” e aproveitaba ben que a feira se facía alí”
Toda unha vida facendo churros. Como empezaches?
Pois non tiña os nove anos cumpridos e xa estaba traballando co “Canabal” todos os domingos, festivos e días de feira. Daquela eran catro, facíase feira os días 6, 16, 24 e 30 de cada mes.
E dende cando levas ti a churraría?
Dende o ano 1980, ano no que morreu o “Canabal”. Morreu sen descendencia e deixoume a churrería a min en herdanza. Apreciábame moito, supoño que pensaba que así a deixaba en boas mans (risas).
Traballábase moito daquela?
Si, tiñamos moita clientela que atender e os procesos eran todos manuais, co cal o traballo era máis duro. Había que amasar a man, a máquina que tiñamos era a manivela e tamén tiñamos que estar moitas horas, a venda era durante todo o día.
Moita xente e moita venda logo?
Si, en Monforte eramos moita máis xente e tampouco había tanta variedade de comida deste tipo que che fixera competencia.
Agora véndense menos?
Moita xente conserva o costume de comelos pero nótase que baixa a poboación e que os que chegaron de fóra, a inmigración, consumen menos.
Que cres que foi o que máis cambiou no teu oficio dende aqueles anos?
O proceso non cambiou moito, os churros fanse igual. O que cambiou para ben foi a ‘mecanización’ do proceso. Agora temos amasadora e fritidora eléctricas e daquela era todo a man. Había que amasar a man e fritir os churros en tixolas e a lume de carbón.
Segues dedicándolle tantas horas como antigamente?
Non. A venda en mostrador baixou e xa non estou aquí no posto todo o día. Estou unhas horas pola mañá entre semana, a primeira hora, para facer churros que van para a hostalería, e despois dedícolle horario de mañá e de tarde nos festivos e fins de semana.
“calculo que un 90% da hostalería de Monforte vende os churros que fago eu”
Abriches mercado logo coa venda á hostalería?
Si, a baixada de venda en mostrador compenseina moi ben coa distribución a negocios de hostalería. Dende 1981 reparto a bares e cafeterías, calculo que un 90% da hostalería de Monforte vende os churros que fago eu.
E para eventos ou celebracións tamén elaboras?
Puntualmente téñenme encargado para festas ou para actividades que organizan concellos. Algo moi puntual.
“os meus churros seguen sabendo igual que sempre”
Se tiveses que dicir algún slogan ou lema do teu negocio, cal dirías?
Que os meus churros “seguen sabendo igual que sempre” (risas).
Que cres que valora máis a túa clientela?
A calidade e a experiencia, está claro.
Que opinión che merece a tópica frase “estar máis queimado que o pau dun churreiro”?
A ver. Non penses que esa frase vén por estar moi cansado ou moi farto de algo. A orixe da frase vén dos churreiros madrileños, que fan as famosas ‘porras’. Para facelas e poder darlle a volta hai que usar dous paus, e claro, coa exposición ao aceite quente acaban queimándose. De aí vén a frase, o que quere dicir é que o traballo e a exposición desgasta.
Nunca pensaches en facer aquí ‘porras’?
Nunca o pensei. Para facer porras hai que ter unha maquinaria específica e ademais é moi cara.
Seguindo coas frases do oficio. Que opinas daquela de “súas máis que o sobaco dun churreiro”?
Pois que é evidente. No verán suda calquera, imaxínate traballando enriba do lume…
Non falamos do chocolate, tamén fas, claro?
Si, home. Pídese menos porque moita xente leva os churros para a casa pero tamén o fago e moi bo.
En resume, contento despois de tantos anos facendo cartos como churros?
(Risas) Si ho, xa vés o forrado que estou. Si que estou contento, este oficio era moi escravo pero agora trabállase menos e réndese máis. Aínda así , vouche dicir unha cousa, xa teño ganas de xubilarme…