O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, vén de dar a coñecer o nomeamento de María Estrella Rodríguez, como directora do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CECA) de Monforte de Lemos.
A nova responsable do centro é funcionaria da Consellería do Medio Rural, doutora en Ciencias Veterinarias pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomada en Saúde Pública pola Escola Nacional de Sanidade (Instituto de Saúde Carlos III).
No CECA ofrécense cursos de formación presencial moi variados: tanto para os profesionais beneficiarios das axudas da Xunta para plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións, como sobre manexo de produtos fitosanitarios, apicultura, cestería, fruticultura, entre outros, todos eles relacionados con actividades do medio rural.
Estas instalacións son tamén o centro acreditado para as accións de teleformación, e desde Monforte fan seguimento destes cursos e realizan os exames presenciais.
A provincia conta con outros dous centros de similares características como o Pedro Murias de Ribadeo e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá.

