Pais do colexio Frei Luís de Granada (Sarria) pedirán “certificados de seguridade” da Escola Fogar, onde se recolocará o alumnado mentres persistan as obras no centro.
A maior parte dos alumnos do colexio Frei Luís de Granada segue sen acudir a clases. Este mércores incorporáronse ás aulas uns corenta: 20 de infantil e 20 de primaria, unha tendencia que se repite desde o pasado 20 de xaneiro.
Mentres, os pais atópanse expectantes ante os cambios que se realizan na Escola Fogar, onde a Xunta pretende recolocar os pequenos mentres seguen os traballos de apuntalamento do centro.
Un dos pais, Javier Pico, subliñou que necesitan que “a Escola Fogar estea en condicións óptimas” para os seus fillos. “Que nos garantan a seguridade das instalacións”, abundou. Por iso, van esixir “certificados de seguridade” antes do próximo luns, que é cando se estima que se retomen as clases con “normalidade”, tal e como sinalou esta semana o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
“Seguimos a expensas do que faga a Consellería (de Educación) e imos esixir certificados de seguridade antes de que os nosos fillos entren á Escola Fogar. Que se demostre que se pode dar clases en condicións seguras e habitables para eles”, advertiu Pico.
CONSTRUCIÓN DUN NOVO COLEXIO
Este pai lamentou que a Consellería “está a realizar parches” no Frei Luís de Granada, o único colexio público de Sarria, polo que apunta que “a Xunta debería de valorar seriamente a creación dun novo centro”. “Que Sarria teña un colexio público como se merece”, subliñou.
Ademais, anticipou que “os pais” non van “pasar” por que “soamente se solucione o problema dos voladizos”. “Teñen que meterse (pola Consellería de Educación) nos problemas estruturais que son os que realmente están a provocar as gretas”, concluíu.