HomesociedadeQuiroga promociona os seus museos

Quiroga promociona os seus museos

O Concello de Quiroga está levando a cabo unha nova campaña de promoción dos seus museos a través das novas tecnoloxías. Trátase dunha campaña publicitaria mediante correos electrónicos enviados a todos os centros educativos de Galicia, así como a clubs de montaña e de espeleoloxía e a todos aqueles colectivos que poden estar interesados en visitar os museos e o Xeoparque Montañas do Courel.

Publicado o

- Advertisement -

Os dous museos de Quiroga, o Etnográfico e o Xeolóxico, reciben anualmente unhas 7.000 visitas, como se constatou no pasado ano 2019. Están incluídos no Proxecto Terra, promovido polo  Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e polo que se achegan a estas instalacións numerosas excursións de centros educativos. Para os meses de abril e maio mediante este proxecto os museos xa teñen concertada a visita de seis grupos de estudantes.

Ademais deste proxecto de promoción, o Concello de Quiroga está traballando na ampliación destas dúas instalación para amosar un bo número de pezas que por falta de espazo non se poden mostrar ao público.

O Museo Municipal de Xeoloxía e Paleontoloxía de Quiroga recibiu no ano 2016 un dos premios Santa Bárbara, concedidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, na categoría de comunicación, por poñer de manifesto a importancia do sector mineiro para o tecido industrial galego e o desenvolvemento da sociedade. Nestas instalacións teñen cabida todos os contidos xeolóxicos máis representativos da zona.  Recolle os principais acontecementos xeolóxicos que definen o territorio galego, unha representación da xeoloxía da comarca quiroguesa e unha exposición de restos óseos da fauna cuaternaria da zona; onde chama a atención o esqueleto completo dun oso das cavernas. A acción dos xeos glaciares, mostras sobre as primeiras ocupacións humanas da zona, e a actividade mineira dende os romanas ata a actualidade, completan as instalacións do Museo que se vai ampliar cunha sala de audiovisuais.

Museo Xeolóxico Municipal de Quiroga. Foto: Ramón Vila

Pola súa banda o Museo Etnográfico tamén ten un proxecto de ampliación. Este museo creouse con nove salas: a lareira, que representa varias dependencias dunha vivenda; a fragua, que recrea as ferrerías; o pendello, que recolle un bo número de apeiros de labranza; o aceite, cunha recreación dun muíño; a adega, na que está presente o mundo do viño. A serra, o tear, a lousa e as castañas tamén forman parte deste museo. Máis tarde acolleu parte das maquetas das casas de pedra elaboradas para a película galega de animación “O Apóstolo”. Recentemente ampliouse a parte dedicada ao mel coa réplica de parte dunha alvariza e abriuse a sala dedicada á escola. Agora está pendente de abrirse unha nova sala dedicada á imprenta.

ÚLTIMAS

Monforte mellorará o punto limpo e os contedores cun investimento de máis de 41.000€

O Punto Limpo do Concello de Monforte construíuse no ano 2000 e desde ese...

A segunda fase da mellora da LU-651 entre Folgoso e Seoane, un dos principais investimentos da Xunta no 2026, aseguran os populares

A deputada do Grupo Popular no Parlamento de Galicia visitaba o municipio xunto á...

Xanela colabora nun módulo de FP do I.E.S. Val do Asma de Chantada

O pasado 29 de outubro o director de Xanela, Iñaki Castiñeira, foi de visita...

A asociación ‘Chantada contra o cancro’ anima a inscribirse na súa andaina solidaria

Conta atrás para a andaina solidaria que organiza dende hai 5 anos a 'Asociación...