Iniciosociedade"Por primeira vez son o único habitante dunha aldea", Diego Villar, hostaleiro...

“Por primeira vez son o único habitante dunha aldea”, Diego Villar, hostaleiro de Frontón

Un mariño no medio da montaña. Hai 11 anos Diego Antonio Villar chegou á Ribeira Sacra desde a Costa da Morte como capitán nos catamaráns turísticos. Cando comece a tempada seguirá exercendo de capitán no catamarán, pero desde hai dous anos é capitán do seu propio proxecto o que o levou a vivir na parroquia de Frontón, concretamente na estación de Santo Estevo, unha aldea na que hoxe é o único habitante.

Publicado o

- Advertisement -

Os ríos Sil e Cabe únense na zona coñecida como A Barca, no concello de Sober. Á outra beira do Cabe está Frontón, do concello de Ferreira de Pantón, onde Diego A. Villar ten a taberna galega “Viña da Aigue” e o proxecto de turismo cultural Beiras Sacras. Falamos con este mariñeiro que quedeu “enganchado” da Ribeira Sacra.

Como chegas á Ribeira Sacra e rematas sendo o único veciño desta aldea da parroquia de Frontón?

Cheguei hai 11 anos para levar os barcos da Deputación de Lugo, funme quedando, funme quedando e xa pasei por todos os barcos, todos os embalses e por todos os postos e agora, de repente, son hostaleiro, desde fai 2 anos.

Cando viñen traballar ao catamarán de Santo Estevo coñecín este sitio comendo e cenando aquí; fixen amistade co home que estaba aquí. O home xubilábase e pareceume bo sitio e bo negocio, a zona está subindo moito, téñoa a 10 minutos do embarcadoiro, a 20 do Parador e dixen: veña, imos probar.

Diego Antonio Villar

Antes de vir aquí tiñas escoitado falar da Ribeira Sacra?

Non, foi de casualidade. Un compañeiro en Vilagarcía faloume dos catamaráns da Deputación, pero non sabía nada de onde estaba, non me soaba o Sil, para min era unha zona de Galicia ben descoñecida. Aparecín de casualidade e xa ves, xa van 11 anos. Ten un encanto especial, dicho un mariño que está acostumado a estar no mar. Aquí mar non hai, nin ondas, pero ten un encanto especial. Eu sempre digo que estou navegando polo monte.

Con tantos anos navegando cos catamaráns turísticos, como vive a xente a Ribeira Sacra desde os catamaráns?

Disfrútano moito. Xa viña xente cando cheguei no 2008, pero esto foi un boom. Cada ano hai máis e máis xente. O que pasa é que non debemos funcionar como autobuses, hai que ofrecer máis cousas, aínda que a xente tampouco quere estar moito tempo nos barcos. Pero gústalles moitísimo. Date conta de que isto é moi bonito e moi descoñecido e ás veces para a xente de aquí, aínda máis.

E logo a xente é moi agradable, todo o mundo fala cos capitáns, entón un día falas cuns ingleses, no seguinte falas cun madrileño e no seguinte cunha de Aragón, despois franceses. Durante a tempada hai moitisimo traballo.

E decides ir máis alá e facerte cargo desta taberna na Estación de Santo Estevo, en Frontón, á que lle puxeches “Viña da Aigue”. De onde sae este nome?

Tiña unha viña pequena no concello de Sober, que me deixou un veciño. Nesa zona chámanlle aigues, ás aguias ou aos milanos. Eu tiña uns pinos nos que anidaban moito e os maiores que pasaban pola viña dicíanme, a túa viña é a viña da aigue. E cando pensei no nome da taberna pensei que non estaría mal taberna viña da aigue.

Viña da Aigue

Cando os anteriores responsable da cantina se xubilaron, fóronse de aquí, iso convértete no único veciño do lugar. Cóntanos.

Son o único habitante da aldea coa compaña da miña cadela… No  verán estase moi ben, hai xente dabondo, veñen todos os que son veciños das aldeas, turistas… pero hai uns meses, como estes, que son máis complicados. Decembro e xaneiro, ufffff, costa. Ás  veces aparecen sospresas pero teño tido semanas de ninguén. Faise de noite ás 5 da tarde. Leo moito e tento estar ocupado. Cos anos que levo aquí, collín unha viña, saquei o título de enólogo, ando para comezar a facer viño… E cóllese ese gustiño de estar nunha terraza vendo os ríos coas vides. Eu disto non sabía nada, de barcos si.

Estaba acostumado ao ruido do mar e aquí estás nun embalse e o río non fai ruido, pero o Cabe si que fai ruido; ten os rápidos, a auga móvese e parece que durmes nunha praia. Chamoume moito a atención ao chegar aquí, óese o río. O lugar é fermoso e agora pronto chega a tempada.

A Barca / XdL

En tempada baixa como pasas os días?

Nestes meses hai moi pouquiña xente, teño os traballadores de Iberdrola que me veñen tomar o bocadillo, pero case non hai turistas. Adícome ao bar, a tentar facer viño, facer vinagre, fago esculturas de madeira. En 11 anos que levo aquí fago moita escultura, porque recollo moito tronco e moitos pedazos de madeira do río. Dou moitos paseos, por aquí hai moito para facer sendeirismo. E agora voume preparando para a temporada, de Semana Santa ata novembro.

Que ten de especial a túa taberna?

O lugar onde está, é un lugar xenial, no encontro do río Cabe co canón do Sil. E o río Cabe é un río vivo. É un sitio moi bonito, que non está lonxe, a pouco máis de media hora de Ourense, 20 minutos de Monforte, 10 minutos do embarcadoiro de Santo Estevo. Teño unha pequeña horta e o ano que comecei os mesmos clientes collían o que ían comer, os seus tomates para a ensalada.

Ademais a parada do tren está xunto aquí, temos que conseguir que paren máis trens. Polo momento para o de Monforte dirección Ourense sobre as 11.15 da mañá e o de Ourense dirección Monforte, sobre as 17.15 e tamén se fai unha das paradas do tren turístico galego que os levan desde aquí en microbuses ata o barco. Agora comeza unha obra de varios anos para mellorar esta vía e vai a traer traballadores. O vindeiro ano Patrimonio da Humanidade. As previsións son boas.

Estación Frontón

Ademais da xente do catamarán, que outro tipo de cliente recibe taberna “Viña da Aigue”?

De Semana Santa a novembro hai moito tipo de turista, cada vez veñen máis piragüistas, sendeiristas, escaladores que teñen aquí varias rutas de escalada, ciclistas… cada vez máis xente. Aquí teñen a súa cantina e tamén poden comer produto galego, principalmente da Ribeira Sacra. Aproveito para comentache que busco a alguén para cociña, estudantes de hostalería, algún cociñeiro que queira, aquí está todo listo para comezar. Cando comece a tempada eu non podo estar de capitán e aquí, necesito que un profesional do sector se faga cargo da cociña, agora ando buscando a xente interesada.

Taberna Viña da Aigue / XdL

 

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...