Iniciosociedade"Doíalle o porco, pero tamén lle doía que había que comer", pregoeira...

“Doíalle o porco, pero tamén lle doía que había que comer”, pregoeira da XXIX Festa do Caldo de Ósos

"O rito da matanza, a tristura desas mulleres que estaban traballando durante todo o ano para cebar eses porcos que eran da familia e que despois os tiñan que matar para comer. Eu lembro á miña nai caéndolle as bágoas cando o porco berraba. Doíalle o porco, pero tamén lle doía que había que comer. As mulleres sacrificadas que carretaban a comida para a familia e para os animais. Canto tempo fai diso!! E que pouco cambiaron as cousas para as mulleres, sobre todo para as do rural.", Isaura Abelairas, pregoeira Festa Caldo de Ósos

Publicado o

- Advertisement -

O Concello de Taboada celebra esta fin de semana a XXIX edición da súa Festa do Caldo de Ósos. O día grande será o domingo, día 23, con exposicións e venta de produtos do campo e derivados do porco; degustación do caldo de ósos ás 13.30; actuacións musicais e verbena. O pregón será ás 13.00 horas por conta de Isaura Abelairas Rodríguez de Castelo; mestra e directora do CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo do 1993 ao 2007, concelleira en Vigo do 99 ao 03 e deputada provincial en Pontevedra co PSOE ata 2007.

Cada ano, para pregoar esta cita, o concello bota man de persoas naturais do municipio, falamos coa pregoeira deste ano. Isaura naceu no 1951, estudou na academia Munielo e polos anos 70 ingresa no feminino en Lugo; estuda maxisterio e despois de varios destinos, desde fai 40 anos, vive en Vigo.

Como é a túa relación con Taboada? Volves de cando en vez?

A miña relación con Taboada? nunca me fun de Taboada. Os de Taboada non nos imos, xamais dos xamases. Cando vivían meus pais ía todas as fins de semana, agora vou menos, pero non me perdo unha festa, como vou perder eu unha festa? Como me vou perder o cocido da miña prima Inés en pleno mes de agosto caendo chuzos de calor ou de frío, depende; nin as matanzas. Eu non me perdo unha matanza, nin as fachas en Castelo. Como vou a perder as fachas de Castelo?

Isaura Abelairas

Que ten que ver a Taboada que ti lembras de cando eras pequena coa Taboada de agora?

Aínda me lembro estar nas ribeiras e berrarlles aos da outra beira do río “Rabudos”; facíase eco e devolvíacho. Eramos nenas e parecíanos que eles nos estaban insultando a nós. E era o noso propio eco. Había xente nova.

Agora é a tristeza do despoboamento, do rural sen xente. A mín agora prodúceme unha tremenda desazón chegar á aldea, chegar á Castelo e non ver xente, non haber ninguén. Prodúceme tristeza ver que non hai nenos, non hai nenas. Taboada, para min, unha rapaza que sale de Castelo, Taboada parecíame que era Nova Iork. O primeiro día que cheguei á academa Muinelo, eso foi unha institución da que saiamos xeracións e xeracións de rapaces da contarna que tivemos a oportunidade de poder prepararnos, Centos e centos de rapazas e rapazas. Foi unha ventá aberta cara a cultura, cara o saber, cara todo.

Cando te chaman para dicirche se pregoas a Festa do Caldo de Ósos, que tal?

Quédome como, madre mía!! Quen veño sendo eu para pregoar a Festa do Caldo de Ósos? Para min os pregoeiros son sempre persoas moi importantes e a min parecíame que non era unha persoa moi importante, pero son de alí. E o caldo de ósos,… o caldo de ósos é un referente, é familia, é o compartir, é a festa do inverno. Por esta festa, os pregoeiros son sempre xente de Taboada que creo que é o máis importante, que a xente de Taboada teña a oportunidade de volver a Taboada falar do que realmente é noso.

Isaura Abelairas nas festas de Castelo

Que vinculación tes co caldo de ósos? Que significa para ti?

O caldo de ósos era a festa do día que se partía o porco, entón era unha festa impresionante onde se reunía toda a familia. Todo o que ten que ver co caldo de ósos nunca se perdeu porque eu sempre volvín comer o caldo de ósos. Ías ao caldo de ósos da casa dos pais, dos tíos, dos amigos, sempre volvías… agora a única que queda é a miña prima Inés de Taboada, que o segue facendo como o facía a miña avoa. O caldo de ósos e as tortillas de sangue, iso que non mo quite ninguén. O caldo, aquí en Taboada non cambia, quen o facía, ségueo facendo igual.

A min en Vigo xa non me gustaba tanto porque cambia a auga, cambia a pataca e cambia todo. Cambian os ósos da soá. A chiribia, aquí en Vigo non se coñecía fai 30 anos e miña irmá pedindo a chiribia para facer o caldo. Hoxe xa hai.

Botabádeslles sesos ou non?

Si claro; en Vigo non lle botabamos porque non había, pero na aldea sempre. Para min é a mellor comida do mundo polo que representa. As matanzas eran case no tempo de Nadal cando xa se estaban acabando as existencias e había que repoñer, para repoñela despensa había que matar o porco.

O rito da matanza, a tristura desas mulleres que estaban traballando durante todo o ano para cebar eses porcos que eran da familia e que de repente os tiñan que matar para comer. Eu lembro á miña nai caéndolle as bágoas cando o porco berraba. Doíalle o porco, pero tamén lle doía que había que comer. As mulleres sacrificadas que carretaban a comida para a familia e para os animais. Canto tempo fai diso!! E que pouco cambiaron as cousas para as mulleres, sobre todo para as do rural.

Festa Caldo de Ósos / Televinte

Vaste poñer nerviosa o día do pregón antes de comezar?

Acostumada a falar toda a vida en público para o publico máis rebelde e esixente que é o público infantil, eses non perdoan; ou como política. Pero claro, subir en Taboada onde os que te están mirando son os teus conveciños e conveciñas; uffff

Eu dicía, que digo que non se teña dito xa? A min témblanme as pernas. A miña filla dicíame, mamá sen como eres. Pero teño que levar un guión, se non levo algo escrito comezo a falar e non paro. Se comezo a contar anécdotas da academia de Taboada non acabamos nunca; ou da horta do cura de San Roque, do don José.

Ribeira Sacra candidata a Patrimonio da Humanidade e Taboada na Ribeira Sacra, como valoras iso?

Hai que facer propostas conxuntas e non traballar por separado. Hai que inventar a pólvora para que isto sexa máis visible. Temos cousas fantásticas e ás veces non o terminamos de crer.

Presentación da Festa / Concello de Taboada

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...