A lectura do Manifesto polo Día Internacional da muller, no concello de Monforte, correu a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López. O seu título: EU SON DA XERACIÓN IGUALDADE: POLOS DEREITOS DAS MULLERES.
Comenzaba a lectura do Manifesto agradecendo a asistencia á concentración, “quero agradecer a vosa asistencia a esta Concentración polo Día Internacional da Muller, como un acto máis de sensibilización e concienciación de todo o que dende a Concellería de Muller e Igualdade reclamamos e traballamos durante todos os días do ano, que non é outra cousa, que a consecución da igualdade real das mulleres en todas as esferas da vida: na política, na social, na familiar, na educativa, na económica e na laboral.
O ano pasado, celebramos unha manifestación histórica no que respecta ás mobilizacións que se levaron a cabo, aínda que tamén é certo, que dende ese día, poucas cosas cambiaron. Pero iso non é motivo, para que todas e todos nos, todos os días, sigamos empregando todas as nosas forzas para intentar que as mulleres, deixemos de sufrir discriminacións, teñamos as mesmas oportunidades que os homes, e fixemos medidas para loitar contra o acoso sexual e acoso por razón de sexo. Xeracións de mulleres loitaron con valentía e determinación pola liberdade. Unha liberdade que hoxe, grazas a ela, é un patrimonio colectivo que debemos defender.
Pero aínda queda moito por facer. A ameaza de ideoloxías que cuestionan os dereitos das mulleres debe ter unha resposta contundente. Porque aínda persisten as discriminacións, a pesar das conquistas. Hai quen cuestiona o feminismo, tentando devolvernos ó pasado, negando a violencia de xénero ou a violencia sexual.

Pero non hai punto de retorno, o feminismo é imparable e ten demostrado que é unha forza poderosa e transversal. As mulleres temos conquistado espazos e dereitos sobre os que non hai opción de repregue. Non imos dar nin un paso atrás. Neste Día Internacional das Mulleres, hoxe 8 de marzo, dende o Concello de Monforte apostamos firmemente pola defensa dos dereitos, a liberdade e a seguridade das mulleres. E apostamos polas políticas de igualdade como instrumento para mellorar, non só as vidas das mulleres senón de toda a cidadanía. Non poderá haber verdadeira transformación se non se conta de maneira esencial coas mulleres, coa súa participación e contribución. Por iso, e coa igualdade como alicerce, abandeiramos xunto ao movemento feminista todas as conquistas para as mulleres tanto no Concello coma fora del.
Desexamos firmemente que se recolla este espírito do 8M, situando a igualdade como un asunto transversal en todas as facetas da vida defendendo e afianzando os avances logrados, as mulleres estaremos fronte a aqueles posicionamentos políticos que pretenden eliminalos. Debemos loitar pola igualdade REAL entre homes e mulleres. Porque avanzar en igualdade é avanzar en democracia. Non imos tolerar nin un só retroceso. Os dereitos das mulleres non se negocian. As mulleres sofren discriminación en todos os ámbitos da vida. Pero é no laboral onde se produce unha das maiores desigualdades que viven as mulleres, pois sen independencia económica, non hai liberdade.
Na desigualdade entre sexos está a raíz da violencia de xénero que no noso país acabou coa vida de 1.046 mulleres desde 2003, cando se comezan a contabilizar os asasinatos machistas. A violencia de xénero é o principal problema do noso país. As mulleres sofren outras violencias polo feito de ser mulleres, como a sexual, sen ningunha dúbida que “Se unha muller non di sí, todo o demais é NON”.
Hoxe manifestamos unha vez mais o noso compromiso coa erradicación da violencia de xénero, co fin da precariedade laboral e a fenda salarial, a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, e a abolición da prostitución e da trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Camiñar cara á igualdade plena é unha responsabilidade que nos interpela individualmente e como sociedade. E que nos obriga a todas as Administracións e a todos e todas. Hoxe DÍA 8 DE MARZO, a cidadanía sumase de novo a esta reivindicación ante a situación de desigualdade que viven as mulleres. Toda a cidadanía, mulleres e homes, temos que avanzar da man para acadar os mesmos dereitos e deberes, e dende a educación, un dos pilares fundamentais da sociedade, tanto na familia coma na escola, é necesario erradicar os roles e estereotipos sexistas que seguen a imperar na nosa sociedade. As mulleres non queremos nin máis, nin menos dereitos, senón os mesmos para conseguir dunha vez por todas unha sociedade igualitaria e democrática. Queremos unha sociedade paritaria e participativa, na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito.”
En Chantada, trala lectura do manifesto con motivo do Día da Muller #DiaInternacionalDeLaMujer actuou o grupo Searas, xusto antes do pregón da 38 edición da Feira do Viño.

En Quiroga a xornada celebrouse cunha concentración silenciosa na praza España. Á celebración organizada dende a área de Igualdade e Benestar do concello acudían o rexedor local, Julio Álvarez; a senadora quiroguesa, Rosa Arza; a concelleira de educación, Loly Sánchez; e a concelleira de igualdade, Ana Núñez. Esta última tomou a palabra para recordar a importancia de conmemorar o Día Internacional da Muller.
Tamén as letras de entrada á vila de Quiroga locen unha iluminación en cor morada en conmemoración desta data. Este luns, 9 de marzo, comezará a realizarse o mural dedicado a muller que elaborará a artista viguesa, Abi Castillo, autora de moitas obras de muralismo e ilustración entre as que se atopan as ilustracións dos libros “Pioneiras”. O mural que elaborará a artista ao longo da vindeira semana estará situado na fachada principal do Pavillón de deportes de Quiroga.