O concello de Monforte aumenta nun 50% a partida destinada a emerxencia social, pasando dos aproximadamente 50.000 euros actuais a 75.000 euros. Esta foi unha partida que o Equipo de Goberno foi aumentando nos últimos anos, e agora vese incrementada nun 50% para cubrir axudas sociais en relación á solicitudes de axudas por parte de cidadáns que as necesiten. Tamén se incrementará nun 50%, ampliable, o valor das axudas por persoa e ano. Se ata o de agora, a ordenanza municipal establecía o límite anual por persoa en 600 euros, con este novo decreto ante a crise do Coronavirus, se destinará ata un máximo de 900 euros por persoa e ano.
O concello anticipa de caixa 5.000 euros, que irán destinados a facilitar vales de compra de alimentos para aqueles veciños e veciñas que o necesiten, así como para cubrir pequenos gastos como poden ser o pago de recibos de luz, auga, ou outro tipo de emerxencias de urxencia. Contarase coa colaboración de Cáritas para canalizar estas necesidades ós servizos sociais do Concello.
A Cruz Vermella lévache a comida Á casa
Asinouse convenio coa Cruz Vermella polo que se establecerá un anticipo de caixa de entre 3.000 e 5.000 euros, ampliable segundo as necesidades, e encamiñado a solventar os problemas que moitos veciños e veciñas teñen á hora de facer a compra de produtos básicos nos supermercados e tendas de alimentación, ben por problemas de mobilidade, ou por medo a saír dos fogares por mor do COVID-19.
Quen necesite que se lle faga a compra deste tipo de produtos básicos poderán poñerse en contacto coa Cruz Vermella, e voluntarios de dita entidade serán os encargados de facer cada compra. O usuario comunicará que produtos necesita adquirir; as compras serán cubertas coa axuda proporcionada polo Concello e o usuario aboará o importe da compra ó voluntario, unha vez llela entregue. O diñeiro recadado será custodiado pola Cruz Vermella, e unha vez que se supere esta crise e non sexa necesario este servizo, a Cruz Vermella cadrará contas co Concello, a fin de reintegrar a axuda proporcionada dende aquel.
Outras medidas das que deu conta o alcalde trala reunión, deste luns, da Comisión de Seguimento do Coronavirus foron:
- Garantir as necesidades alimentarias e farmacéuticas dos membros do circo Nevada que non puideron abandoar a cidade e quedaron na cidade sen poder ter ingresos.
- manter a facturación coa empresa que presta no concello os servizos de axuda a domicilio, para que sigan prestando os mesmos servizos. Algúns usuarios deste servizo decidiron darse de baixa temporalmente do mesmo, mentres dure a situación de crise e por medo a posibles contaxios, dende Alcaldía non se quere que a empresa, debido á diminución do servizo, se acolla a un ERTE nin proceda a despidos dos seus traballadores.
- A mesma medida se toma coa empresa encargada da recollida do lixo e da limpeza viaria da cidade, para que siga levando a cabo os seus servizos habituais como ata o de agora, prestando especial atención á desinfección de rúas, papeleiras ou contedores, a fin de evitar a propagación deste virus.
- O Alcalde fíxo chegar unha instrución á empresa Aqualia, a fin de que siga mantendo un servizo de calidade cos cidadáns, a través dunha atención telefónica eficaz (dado que as oficinas non poden abrir ó público para a atención directa).
Recibos municipais de empresas e particulares
As empresas que se viron obrigadas a pechar durante este período de crise (restaurantes, tendas, etc.), unha vez o soliciten, e acrediten que efectivamente tiveron que levar a cabo o peche dos seus negocios por mor do COVID-19, quedarán exentas de pagar o lixo polo período total no que estiveron pechadas. Tampouco lle serán cobradas ás taxas sobre as terrazas de bares e restaurantes que se visen obrigados a non poder montalas durante o período alarma. O Concello paralizará o xiro das taxas correspondentes a 5 servizos municipais, mentres dure o estado de alarma: a Piscina municipal, a Gardería municipal, o Conservatorio de música, a Escola de Música e as Escolas deportivas municipais.
Tomé Roca celebrou reunión de urxencia da Xunta de Portavoces, á que acudiron os voceiros de todos os grupos políticos do Concello, para informarlles destas medidas tomadas, así como dos últimos decretos que nos últimos días se promulgaron en relación co Covid-19.
O alcalde sinalou que estas medidas “teñen por obxectivo normalizar funcionamento das empresas que facturan ó Concello, que van encamiñadas a manter os postos de traballo e evitar os ERTES, e que sobre todo, buscan aumentar e reforzar a protección social dos veciños e veciñas máis desfavorecidos, á vez que se suprimen temporalmente o cobro das taxas dos servicios que permanecen pechados por mor da crise”.