A Vicepresidencia da Xunta e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, vén de realizar un novo reparto de material e equipos de protección individual (EPIs) para chegar á totalidade dos concellos lucenses. As achegas suman un total de 31.669 máscaras, 58.887 luvas, 2.424 traxes antisalpicaduras, 2.210 batas de protección, 391 unidades de xel desinfectante hidroalcohólico e 229 litros de lixivia.
O plan de apoio deseñado polo Goberno galego pon a disposición dos municipios lugueses os recursos que precisan para desenvolver con seguridade servizos municipais básicos como os de axuda no fogar, protección civil, servizos sociais ou policía local, e responde aos criterios de distribución pactados coa Fegamp.
Concellos como Bóveda, Sober, Saviñao ou Quiroga xa teñen anunciado a recepción do material que se suma ao material para evitar a propagación do coronavirus que foron adquirindo os propios concellos. Este material porase a disposición daqueles servizos que o precisen, como as traballadoras da Axuda a Domicilio e os propios usuarios e usuarias.
Continúan tamén as labores de desinfección de rúas e contedores de lixo dos diferentes concellos, así como das contarnas de centros de saúde e residencias. En Quiroga emprégase para elo o novo equipamento que a Xunta de Galicia lle enviou ao concello.