A suspensión da actividade escolar de carácter presencial quedou suspendida coa alarma sanitaria e dende os diferentes centros educativos artelláronse, a través de sistemas telemáticos, diferentes fórmulas docentes co obxectivo de que os alumnos e alumnas puideran continuar, dende os seus fogares, coa súa formación académica.
Os diferentes contidos educativos son remitidos aos rapaces mediante arquivos telemáticos, a través do correo electrónico ou a través de portais e plataformas dende as que se poden baixar ditos materiais formativos. En moitos casos estos arquivos requiren ser transformados en papel e na maioría das casas non teñen esa posibilidade e así llo fixeron chegar ao alcalde, José Tomé Roca, “foi remitido un escrito á Alcaldía no que se manifestaba a falta de medios de impresión deste tipo de documentos por parte do colectivo de estudantes do noso municipio”.
Ante esta demanda o alcalde asinou un decreto mediante o cal se posibilita a impresión de documentos educativos a todos os/as estudantes que estean empadroados/as na cidade. Tanto a recepción de documentos, como a impresión dos mesmos e a posterior entrega ás persoas que os enviaron será coordinada dende o Departamento de Servizos á Cidadanía do Concello.
Para poder utilizar este servizo de impresión, os demandantes deste servizo deberán enviar un correo electrónico á dirección impresioncidadania@concellodemonforte.com. A este correo, ademais de enviar os documentos que desexen imprimir, tamén deberán indicar os seus datos persoais (nome e apelidos, DNI, dirección) e un número de teléfono para que, unha vez impresos os documentos, poidan poñerse dende o Concello en contacto con cada demandante, ben a través do teléfono de contacto ou ben a través do propio correo electrónico do solicitante, para concretar a cita da recollida das impresións levadas a cabo.