O concello de Monforte celebra reunión da Xunta de Portavoces, na que se trataron diversos temas e dúbidas relacionados con todo o relativo á COVID-19. A xuntanza tivo lugar no Salón de Plenos do Concello, coa asistencia, ademais do Alcalde, tamén do Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Katherinie Varela, a voceira de Esperta Monforte, Maribel García, e o voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Emilio Sánchez.
Na súa intervención inicial, o Alcalde deu conta dos 18 decretos establecidos durante as pasadas semanas pola Alcaldía do Concello, dende o inicio do estado de alarma da crise do COVID-19. Decretos para o establecemento dos servizos esenciais do Concello, para a exención de taxas e prezos públicos sobre as terrazas, para axudas a emerxencia social, o de impresión de documentos a estudantes empadroados na cidade, para a ampliación de prazos para o pago do imposto do lixo do 1º bimestre así como o imposto de vehículos de tracción mecánica, o decreto relativo á suspensión de pagos do bar cafetería do Centro Cívico, do campo municipal Luis Bodegas e da Tapería do Centro do Viño, así como a bonificación do 95% das taxas dos taxis e pagos dos postos praza de abastos e dos quioscos.
Nesta relación de decretos, o Alcalde tamén destacou o reparto porta a porta de 70.000 máscaras e informou de que o Concello está pendente da recepción dun novo pedido de 100.000 unidades; salientou o levantamento da suspensión de feiras, logo da resolución da Consellería do Medio Rural; e informou do funcionamento, dende hoxe luns, do bus urbano e da apertura do Cemiterio Municipal, sempre seguindo as medidas de seguridade e hixiene determinadas polas autoridades sanitarias.
O Alcalde informou ós voceiros dos diferentes grupos municipais, da reincorporación do persoal municipal ós seus postos de traballo detallando as medidas de hixiene e seguridade implantadas nas diferentes dependencias municipais.
Finalmente, o alcalde deu conta do Plan: Reactiva Monforte, con “axudas directas a empresas, autónomos e traballadores, que son axudas a fondo perdido e para que teñan liquidez, ante a situación de crise propiciada polo COVID-19”.
Abandono de Esperta Monforte
A voceira de Esperta Monforte, Maribel García, lamentou na xuntanza que se utilizara unicamente para a entrega aos representantes da oposición da documentación relativa ao Plan Reactiva e aos distintos decretos. “Non se entende que esta entrega se realizara agora de forma presencial, en pleno estado de alarma, cando habitualmente se entregan de xeito telemático vía correo electrónico e se atopan na páxina web do Concello”. Por esta razón, a representante de Espertamonforte! decidiu abandoar a reunión “pola manifesta falta de respecto que leva amosando nos ultimos tempos o noso alcalde José Tomé Roca.”
O voceiro do BNG, Emilio Sánchez, indicou a necesidade de levar a cabo reunións periódicas deste tipo, así como fixo unha serie de suxerencias e aportacións para emprender accións para paliar os efectos do coronavirus.
O representante do BNG tamén prantexou unha serie de dúbidas técnicas arredor do Plan: Reactiva Monforte, e tamén se interesou pola celebración do Festival do Viño, as Festas Patronais ou a Feira Medieval, que foi aprazada por mor desta pandemia. En relación á Feira Medieval, Emilio Sánchez indicou a necesidade de reclamar á Xunta respectase como celebrada está edición do certame, a fin de non perder o número de edicións necesarias para acadar o título de Feira de Interese Turístico Galego, algo que no Alcalde tamén concordou.
Pola súa banda, Katherinie Varela, voceira do grupo municipal do Partido Popular, indicou a necesidade de convocar unha comisión económica cos sectores principais da cidade, e reclamou que se volvesen a convocar Plenos ordinarios. Do mesmo xeito, tamén apoiou a idea de manter a edición da Feira Medieval deste ano como celebrada, si finalmente non se pode levar a cabo.