Héctor Sánchez e Pablo Yebra fixéronse cargo do establecemento O’ Meigallo en Sarria hai tres anos, e este verán cumprirán o cuarto ao fronte do mesmo. Trátase dun negocio que aproveita a tempada de verán sacándolle partido á extensa terraza e a un escenario a xeito de anfiteatro que dá moito xogo para facer actuacións en directo.
A tempada empeza en xuño e remata en setembro, e tal como nos conta Héctor Sánchez, “os tres anos anteriores foron moi bos, dependemos moito do tempo pero temos a sorte de estar preto das piscinas que axuda e das actuacións en directo que estes anos funcionaron moi ben”. O primeiro ano que colleron a xerencia programaron música e os seguintes apostaron polos monólogos, sendo o ano pasado o máis espectacular de todos. Polo escenario do Meigallo pasaron nada máis e nada menos que Luis Piedrahita, Carlos Blanco e Touriñán. Cheo ata a bandeira nas tres actuacións, e con Touriñán venderon unhas 450 entradas.
Polo escenario do Meigallo pasaron nada máis e nada menos que Luis Piedrahita, Carlos Blanco e Touriñán
Aínda que abren en xuño, a organización de eventos trabállana antes, de feito tiñan xa pechada unha data con Touriñán para este verán e xa a dan por perdida. O tema dos monólogos para este ano non o desbotan de todo pero esperan saber con máis detalle as condicións que se van poñer para actuacións ao aire libre e valorar traer artistas que compensen en caché para as limitacións de aforo que se establezan.
Este ano tamén coincide que se cumpre o 50 Aniversario da “Noite Meiga” que organiza cada ano a Asociación Cultural Meigas e Trasgos de Sarria. “Estaba previsto facer un eventazo, agora igual se fai algo pero xa non será o mesmo”. Outra opción de cheo e festa total que vai perder este verán O’ Meigallo.

Daquela, non desbotando totalmente a organización de actuacións en directo para aproveitar o marxe de aforo e o escenario, Héctor comenta que valorarán o comentado dos monólogos e tirar tamén pola música, “algo esperamos facer, pero este ano iremos sobre a marcha…”.
“Cumprindo as medidas de seguridade calculamos que poden entrar máis de cen persoas”, afirma Sánchez
Á marxe das limitacións que comentamos, a gran avantaxe que teñen neste momento é a amplitude de terraza, todo un privilexio nestes momentos para o sector da hostalería. Sen medo a esaxerar, trátase dunha das terrazas máis grande do sur de Lugo. “Cumprindo as medidas de seguridade calculamos que poden entrar máis de cen persoas”, afirma Sánchez. E engade “visto o horizonte respecto das terrazas, vémolo con boas expectativas”.

A tempada normal para eles empeza en xuño, momento no que os espazos abertos daranlle algo de alivio ao sector da hostalería, e aqueles negocios que teñan máis espazo, terán máis posibilidades de optimizar custes e saír adiante.
Xunto co servizo de bar habitual reforzarán o de tapas, racións e hamburguesas; e para o entretemento disporán de futbolín e mesa de ping-pong, coa previsión tamén de repetir torneos nestas dúas modalidades.
“Contamos con abrir o 1 de xuño e esperamos poder facer algún evento para unha apertura reducida, familiar”
Nestes momentos están organizando todo. Limpeza a fondo, retoques funcionais e estéticos, están ampliando a cociña e teñen moito traballo de xardín porque “está todo a monte”. “Contamos con abrir o 1 de xuño e esperamos poder facer algún evento para unha apertura reducida, familiar”.