O número de casos activos no brote de coronavirus da Mariña Lucense continúa en aumento. A Consellería de Sanidade confirmou ao mediodía deste xoves outros 21 positivos, para un total de 165. No mesmo reconto oficial, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou que se produciron 25 “altas epidemiolóxicas” de persoas deste foco que resultaran infectadas de Covid-19. Sanidade contabiliza cinco pacientes que permanecen ingresados no Hospital Público da Mariña, todos en planta. A provincia conta con outro hospitalizado no HULA.
O número de casos activos de coronavirus en Galicia aumentou en 11 ata os 256 este xoves; dos que 24 corresponden á área de Vigo –10 menos con respecto a este mércores–; 22 á da Coruña e Cee –tres menos–; 14 á de Santiago e Barbanza –un máis–; un á de Ourense –un menos–; 190 á de Lugo –24 máis–; dous á de Ferrol –igual– e tres á de Pontevedra –sen cambios–.
Na área de Vigo a xerencia confirmou a representantes sindicais un caso positivo ingresado en UCI dunha persoa procedente de Madrid que viaxou en autobús, polo que se procedeu a testar aos seus contactos.
Deste xeito, os pacientes hospitalizados con COVID en Galicia aumentan a nove, ao sumarse aos seis na área de Lugo, un na Coruña e segundo confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, outro en Ourense, onde ata a data non había hospitalizados con COVID, trátase dun caso importado confirmado con PCR.