O Concello de Folgoso do Courel abre o vindeiro xoves o prazo para solicitar as axudas de emerxencia social aprobadas con cargo ao 20% do superávit do ano 2019, o máximo que permite a Lei.
Esta liña de axudas, que sairán publicadas no BOP deste 22 de xullo, pretende paliar situacións carenciais graves que afecten ás necesidades básicas e/ou extraordinarias das persoas residentes e empadroadas no Concello de Folgoso do Courel.
Terán a consideración de persoas beneficiarias aquelas persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de precariedade económica tal que dificulte ou imposibilite a cobertura dalgunha das súas necesidades básicas que cómpre cubrir de xeito urxente e/ou en todo caso no menor tempo posible.
Os requisitos xerais para ter dereito ás axudas son:
Ter residencia efectiva e estar de alta no Padrón municipal do Concello de Folgoso do Courel cunha antigüidade mínima de tres meses, aínda que se contemplan varias excepcións:
a) As vítimas de violencia doméstica ou de xénero con esta situación debidamente acreditada que muden o seu domicilio por esta razón.
b) Persoas en situación de necesidade extrema sobrevida con valoración e informe social do/a traballador/a social dos Servizos Sociais municipais.
c) Persoas estranxeiras refuxiados ou con solicitude de asilo en trámite, sempre que teñan autorizada a súa estancia por razóns humanitarias e que cumpran o resto dos requisitos para solicitar estas axudas.
Excepcionalmente, e coa valoración favorable do/a traballador/a social, en caso de especial vulnerabilidade social poderase conceder a axuda aínda superando o límite económico establecido.
É necesario que todos os membros da unidade de convivencia que se atopen en idade legal de traballar estean inscritos como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego, excepto aqueles que acrediten estar matriculados nun centro educativo regulamentado.
Importe máximo das axudas
En ningún caso a cantidade percibida nun ano pola unidade familiar beneficiaria das axudas comprendidas neste regulamento poderá superar na súa totalidade en dúas veces o IPREM mensual vixente.
Os tipos de necesidades ás que se poderán destinar as axudas previstas
1. Gastos derivados das necesidades básicas da vivenda habitual, tales como: alugamento, hipoteca ou recibos de subministración, ou reparacións básicas urxentes da vivenda .
2. Gastos de aloxamento alternativo temporal
3. Gastos de alimentación.
4. Gastos de medicinas e outros produtos de carácter sanitario que non teñan cubertos polo Sistema Público de Saúde.
5. Calquera outro gasto que non estando recollido nos apartados anteriores que o/a traballador/a social considere, motivándoo no seu informe, que resulta imprescindible para a atención inmediata dunha situación carencial urxente de cara a cubrir e garantir uns mínimos de subsistencia persoal, ou ben necesaria para o éxito do proxecto.
A documentación a entregar estará recollida nas bases que publique o BOP e os modelos para solicitalas serán facilitados polo propio Concello. O prazo máximo para resolver e notificar á persoa interesada será de tres meses desde a data en que a solicitude se rexistrara no Concello. Non tendo ditada resolución expresa no prazo indicado, a solicitude entenderase desestimada.