Nesta primeira xornada, o titular de Cultura e Turismo en funcións, acompañou a José Manuel Calderón ao seu paso pola Ribeira Sacra, onde o deportista puido comprobar o excepcional patrimonio natural e etnográfico desta zona candidata a ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco no 2021.
Neste marco, Román Rodríguez expúxolle os valores que atesoura este territorio no que a Xunta de Galicia está dedicando importantes recursos ao Camiño de Inverno. En concreto, este ano a Consellería de Cultura e Turismo inviste 1,5M€ en accións de sinalización, acondicionamento e mellora: “Estamos convencidos que co noso esforzo e con colaboradores como o Obradoiro e Calderón conseguiremos fomentar e impulsar as riquezas deste importante trazado”, precisou o conselleiro en funcións.
Ademais de Román Rodríguez, na xornada de peregrinación tamén participaron o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e o ex xogador de baloncesto, Juan Antonio Corbalán, protagonista da segunda edición de El Camino acaba en obradoiro e embaixador deste proxecto que permite potenciar os vínculos entre o deporte e a Ruta Xacobea e que este ano se leva a cabo no Camiño de Inverno co fin de fomentar a reactivación da peregrinación por este trazado.

José Manuel Calderón iniciou o seu percorrido en Monforte para completar a súa peregrinación ata Chantada. A continuación peregrinará ata Rodeiro para seguir avanzando, xa o mércores, ata Silleda. Na última etapa, percorrerá o tramo entre Ponte Ulla e Compostela. Durante a súa travesía está previsto que o acompañen figuras do deporte como Corbalán, Amaya Valdemoro, participante na pasada edición ou Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro.
Sexta edición
A primeira edición de El Camino acaba en Obradoiro celebrouse no 2015 coa figura de Terry Porter percorrendo o Camiño Francés desde Sarria. Un ano despois, o ex xogador de baloncesto Juan Antonio Corbalán peregrinou ata Compostela polo Camiño Primitivo. Tras eles chegaron Nikos Galis, a través do Camiño Inglés no ano 2017, e Aleksandar Petrovic, que peregrinou polo Camiño Portugués en 2018. O pasado ano protagonizou a experiencia Amaya Valdemoro, que completou a Vía da Prata desde a cidade de Ourense.