HomesociedadeAtaca a súa granxa unha manda de cans instigada por un veciño

Ataca a súa granxa unha manda de cans instigada por un veciño

Vítor Fernández é un gandeiro mozo de Chantada, que apostou por darlle relevo á granxa familiar, cunha gandaría ecolóxica de vacas para leite -Casa do Neiro- que pacen nas terras xunto ao río que fai de fronteira entre os concellos de Chantada e Carballedo. Segundo informa o SLG, este gandeiro volve denunciar na Garda Civil as ameazas e ataques dunha manda de cans instigada por un veciño.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Segundo o Sindicato Labrego Galego, Vítor vive atemorizado polo acoso que está a sufrir por parte dun veciño de Villaguillulfe que ten unha manda de cans de gran tamaño e probada agresividade e que está obsesionado con facerlle a vida imposible ceibándoos para que ataquen as súas vacas. “Trátase dunha persoa moi problemática cuxos cans xa teñen atacado a máis veciños e veciñas. Pero, no caso de Vítor, estamos diante dunha situación flagrante de acoso permanente e ameazas que están a facer imposible que este mozo gandeiro desenvolva con normalidade a súa profesión e a súa vida. Polo de agora, as súas vacas xa padeceron varios abortos e tivo que levar unha ao matadoiro por esta persecución,” sinalan.

Como apuntan desde o SLG, “Todo comezou este verán, cando Vítor visitaba con familiares de Barcelona o carballo milenario do Pazo de Cartelos. Ese día, sufriron o primeiro ataque dos cans, un dos cales chegou a morder a perna dun dos curmáns de Vítor. Dende aquela, pasou un tempo sen levar as vacas aos prados que ten na raia con Carballedo. Iso foi até comezos deste ano, cando volveu coas vacas pacer esta zona. A partir de aí, comezaron de novo os ataques. Nos primeiros, non interpuxo ningunha denuncia confiando na posibilidade de que os cans escaparan ou andasen soltos. Pero despois, ao ver que os ataques continuaban e eran deliberados, comezou a notificarllo á Garda Civil sen interpoñer denuncia.”

Vítor Fernández / SLG

Lonxe de mellorar a situación, ante as visitas da Benemérita para tentar razoar co agresor, este se puxo máis agresivo aínda e, ademais de intensificar os ataques cos cans sobre o gando, comezou a ameazar a Vítor a través de redes sociais e por WhatsApp. A pesares de que Vítor bloqueou toda comunicación co seu acosador, este continuou as ameazas a través de terceiras persoas. Foi a partir de aquí que Vítor comezou a interpoñer denuncias no diante da Garda Civil por ameazas á súa persoa e ataques contra o seu gando. Segundo o SLG “o máximo ao que se expón o agresor é a unha sanción administrativa e unha multa que, probablemente, ao declararse insolvente, non pagará. Por iso, lonxe de recuar, o seu agresor intensifica os ataques e as ameazas. A Garda Civil aconselloulle que, cando o seu agresor o ameace directamente, suba axiña no coche ou no tractor e fuxa das súas propias terras.”

AS ADMINISTRACIÓNS NON PODEN FICAR Á MARXE

Dende o Sindicato Labrego Galego aseguran non entender a impunidade coa que se está a ameazar a Vítor Fernández, así como os atrancos que se lle están a impoñer ao desenvolvemento normal do seu traballo ou os ataques continuados sobre o seu gando que, de non facerse nada, poderían rematar en accidente de tráfico ou traxedia.

Por iso, os servizos xurídicos do Sindicato Labrego Galego están traballando para dilucidar ate onde chegan as responsabilidades dos concellos de Carballedo e Chantada ao permitir que anden estes cans ceibos en ambos municipios cunha actitude manifestamente agresiva contra Vítor e as súas reses, e contra o resto da veciñanza e visitantes da zona, como pescadores, que tamén teñen sufrido ataques. 

Dende o SLG, váiselle esixir ás diversas administracións competentes que asuman as súas responsabilidades e utilicen todas as ferramentas que lles brinda a lei para rematar definitivamente con este acoso.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...