O obradoiro Ricra IV permitirá formar, durante 9 meses, a 20 alumnos-traballadores en dúas especialidades: carpintería e forestal.
O módulo de carpintería permitirá aos tres concellos facer mobiliario e equipamento de todo tipo coma varandas, bancos ou estanterías, entre outros traballos que recolle o propio proxecto.
Co módulo de forestais, o Concello do Saviñao levará a cabo unha poda acorde coas necesidades tanto na devesa de Escairón coma na de Currelos guiada por un monitor especializado. No caso do Concello de Sober, o proxecto recolle o percorrido dos Chancís e a romaría de Cadeiras e no de Pantón, o campo da feira de Pantón, o espazo público de Galegos e as zonas verdes de Ferreira.
O alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, sinala que “o obradoiro de emprego permite formar a persoas desempregadas para facilitar o seu acceso ao mundo laboral ao mesmo tempo que xera emprego e favorece que os Concellos poidan sacar adiante determinados proxectos”. Está previsto que o obradoiro de emprego comece a partir da primeira quincena de decembro.