Homesociedade“Nunca nunha matanza estiveron”, mensaxe do colectivo Interior Galego Vivo á Xunta

“Nunca nunha matanza estiveron”, mensaxe do colectivo Interior Galego Vivo á Xunta

Esta é a conclusión que sacan tras coñecer o protocolo elaborado pola Dirección de Saúde Pública para evitar contaxios nas tradicionais matanzas. No comunicado crítico achegan tamén unhas recomendacións “aplicando o sentido común que lles falta aos da capital”, afirman con sorna.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Dirección de Saúde Pública da Xunta da Galiza elaborou estes días un documento para previr a COVID-19 nas matanzas domiciliarias que está creando controversias. O colectivo Interior Galego Vivo sentencia que os creadores destas instrucións “nunca nunha matanza estiveron” entendendo que as recomendacións están pensadas para un espazo administrativo, tipo oficina, e son totalmente xenéricas sen nada concreto que se adapte á realidade dunha matanza tradicional no rural galego.

“Unha verdadeira tomadura de pelo de quen non sabe o que é agarrar un porco, estremar as tripas ou picar a carne para facer a zorza”, reflexionan con moita sorna.  E continúan “a calquera persoa do rural pégalle a risa se le as ‘recomendacións’ para ‘matanzas móbiles’. Os telegobernantos que temos, descoñecemos como pensan que se fai e desenvolve unha matanza ou telematanza na súa cabeza. Para sacar isto era mellor ficaren descansados”.

Apuntan que un 95% da xente que fai a matanza nas casas nin vai ler o documento, non vai perder o tempo e critican que este tipo de normativas “apróbanse dende oficinas de Santiago sen coñecer en absoluto o territorio”.

Feitas as críticas anteriores trasladan unhas recomendacións que din “ser froito de aplicar o sentido común que lles falta aos da capital”:

  • Facer os labores da matanza co mínimo indispensábel de persoas. Sempre co uso da máscara e mantendo, cando for posíbel, a distancia interpersoal (chamuscado, estrema…) e desenvolver sempre as mesmas persoas cada tarefa. Lembramos que as restricións para non conviventes é de 6 persoas. Se o concello está baixo feche perimetral  non debería facerse a matanza, a non ser que fagan a figadeira só os da casa.
  • Extremar a hixiene de mans con auga e xabón e, se é posíbel, dispor de solucións hidroalcólicas.
  • Os locais deben estar sempre ben ventilados e desenvolver todas as tarefas que se poda ao ar libre.
  • Non usar rollas ou partillar apeiros e obxectos. Picar a carne, preferibelmente en mesas separadas con non máis de dúas persoas por mesa, e nun local ben ventilado. Dispor de papel para o secado de maos e desbotalo nun balde do lixo con pedal e bolsa do lixo (en ausencia deste unha tina ou capacho cunha bolsa de lixo que se cerrará hermeticamente ao rematar).
  • Evitar a exposición e a participación das persoas maiores ou grupos de risco. Lembramos que debemos protexelos como máxima prioridade.
  • Nas comidas, evitar aceiteiras e outros utensilios de uso común. As fontes sempre con garfo ou culler propios. Respectar as restricións de non conviventes. Manter a estancia sempre ventilada e espazar os comensais o máximo posíbel (recomendábel 2 metros). Respectar as restricións de non convivintes.
  • Nos aseos dispor sempre de xabón e papel para o secado das mans (evitar toallas). Ter un caldeiro con saco do lixo para o que se desbote. Aplicar, así mesmo, se é posíbel, ventilación ao aseo.
  • Se unha persoa presentara sintomatoloxía compatíbel coa COVID-19 chamar ao 900 400 116 e, se non collen, ao centro de saúde. A persoa deberá ser illada de persoas e animais nun espazo que conte con ventilación adecuada.
  • Lembrar tamén que é necesario sempre facer analítica pola triquinose, así como as recomendacións xerais a respecto desta actividade.

ÚLTIMAS

‘Metamorfose’, o novo sinxelo do artista ‘Peitoescuro’ camiño do seu primeiro álbum de estudio

O proxecto de Rubén Gutiérrez, coñecido artisticamente como 'Peitoescuro', segue avanzando. O pasado 18...

Traballo colectivo da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next para a súa posta en funcionamento

Os encontros desenvólvense os venres pola tarde coa presenza dun máximo de 20 empresas,...

O BNG de Monforte leva a pleno un punto de información turística na Compañía

Explican os nacionalistas que o tramo da rúa Doutor Casares máis próximo ao centro...

Mario Obrero presenta o libro ‘Con e de curcuspín’ este 26 de maio na Pobra do Brollón

Con e de curcuspín é un ensaio no que a reflexión lingüístico-literaria mestúrase coa...