A Xunta de Goberno aprobou este venres o encargo á empresa pública Tragsa da prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra para o ano 2021, con posibilidade de prorrogar nas anualidades 2022 e 2023, e garantir así a estabilidade deste dinamizador económico. O importe económico anual é de case 686.000€.
Segundo a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, deu conta das novidades do servizo, subliñando o adianto ao 19 de marzo da posta en marcha das viaxes. Afirmou García Porto, que “dende a Deputación de Lugo volvemos a apostar decididamente por ofrecer este servizo turístico público e de calidade porque contribúe de maneira directa e moi importante a dinamizar a economía da Ribeira Sacra axudando á hostalería, ao turismo e ao comercio cando máis o necesitan debido a crise derivada das restricións sanitarias”.
Ademais, indicou Pilar García Porto, o servizo “favorece a proxección da Ribeira Sacra no ano no que esta paisaxe cultural única, estou convencida, será declarada Patrimonio da Humanidade; e é unha maneira eficaz de promocionar o noso territorio a través do turismo, sobre todo neste momento marcado pola pandemia, no que o visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza e seguras”.
Tragsa levará a cabo este 2021 diferentes melloras sen coste adicional para a Deputación de Lugo, como o reforzo dunha persoa para a información, xestión de reservas e venda de billetes para os meses de tempada alta; asumir o custe derivado do tempo adicional dos traballadores dedicado a tarefas de desinfección para a prevención do contaxio da Covid-19; proporcionará servizos propios de administración e informática; e dotará aos traballadores de material extra como uniformes e mascaras.
As rutas e as datas
Nesta tempada mantéñense as dúas rutas que se viñan ofrecendo: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte do Sil, e a Ruta Fluvial Cabo do Mundo, que parte do embarcadoiro de Belesar. A primeira é unha travesía de dúas horas que bordea os municipios de Monforte, Sober, Castro Caldelas, Teixeira e Parada de Sil e na que operarán dúas embarcacións cunha capacidade total de 159 prazas: 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. A segunda ruta transita polo Saviñao, Pantón e Chantada cun catamarán con capacidade para 72 viaxeiros.
Ambas rutas funcionarán xa no mes de marzo: do venres 19 ao domingo 21, e do sábado 27 ao mércores 31, en horarios de mañá e tarde. En abril e maio haberá rutas de mércores a domingo, tamén en horario de mañá e tarde. A maiores, o 17 de maio tamén sairán os catamaráns co motivo da ponte do Día das Letras Galegas. En xuño, xullo, agosto e ata o 12 de setembro funcionarán de luns a domingo e farán tres viaxes: á mañá, á tarde e á noitiña. Dende o 12 de setembro e ata finalizar a ponte de decembro retomaranse os horarios de temporada baixa, con dúas viaxes por día entre mércores e domingo. Os catamaráns funcionarán tamén na Ponte do Pilar e o 1 de decembro.