O Xulgado de Monforte admite a trámite unha querela criminal por presunto delito de neglixencia médica contra a CEO de DomusVi, Josefina Fernández, unha directora de residencia de maiores e dous cargos da Xunta de Galicia, Raquel C. e dous cargos da Xunta, María Berta Besada, Xefa dos Servizos de Inspección de Maiores da Consellería de Política Social e Fernando González Abeijón, director Xeral de Maiores da Consellería de Política Social, ademais das sociedades pertencentes á corporación DomusVi: GERIATROS S.A.U. (xestiona a residencia de Monforte) e GERIAVI S.A.U. (denominación social instrumental de DomusV en España), ambas con sede central en Vigo.
A denuncia relata que unha das usuarias do centro, Carmen B.G., tivo que ser tratada hospitalariamente de varias úlceras polo malo trato dispensado no centro, así como por “desnutrición severa e infección de orina en apenas dous meses” que estivo ingresada.
“Carmen, que entrou na residencia polo seu propio pé, perdeu totalmente a mobilidade, sufríu un gran deterioro cognitivo, e rematou no hospital en estado crítico con desnutrición severa e úlceras necróticas do grao IV do tamaño dunha pelota de tenis”, recolle o escrito remitido por Rede, entidade de defensa dos pacientes de residencias.
A denuncia foi interposta pola neta de Carmen B.G., quen ocupaba unha praza pública dentro do programa de ‘emerxencia social’ da Xunta de Galicia. De aí, tamén, que a denuncia se faga contra cargos da Xunta.
Rede destaca que, desde o momento da entrada de Carmen na residencia, se lle retirou o teléfono móbil e a dirección de DomusVi decide facer un confinamento “preventivo” (pola alta incidencia de contaxios en Monforte) que afecta a todas as usuarias, con saídas das habitacións
periódicas en grupos para facer “paseos”.
“Unha enfermeira trasládalle á neta que non é verdade o dito pola dirección, que as usuarias non saen para nada das habitacións, onde están totalmente illadas”, denuncia Rede. A residencia transmite que Carmen está en perfecto estado e “adaptándose moi ben” pero “isto non cadra coa evolución que observa a neta a través de varias videochamadas: mal estado xeral, obnubilación e falla de conciencia”.
A neta é informada de reiteradas caídas da avoa e a convencen para que dea o permiso para a suxeición física da residente para garantir a súa “integridade”. Infórmaselle que aparece unha úlcera no talón de Carmen.”Pero as sensacións que deixan as videochamadas son cada vez peores, a avoa non responde, e a neta pide a súa derivación ó hospital de Monforte, negada nun primeiro momento pola dirección da residencia porque non hai unha causa concreta”, recolle a denuncia de Rede.
“AO BORDE DO FALECEMENTO”
Posteriormente, a propia directora do centro recoñece o agravamento do estado de Carmen “por un posíbel ictus ou un baixón pola edade e polo confinamento”. Nesa noite ingresa no hospital de Monforte a onde chega dende Vigo a súa neta que comproba un estado físico de Carmen “deplorábel”, perda de 10 kilos de peso e estado de inconsciencia. No hospital se lle comunica que súa avoa sufríu un trombo pulmonar, que ten o intestino cheo de feces e que seu estado é moi grave, ó borde do falecemento.
“Infórmaselle dunha úlcera no talón e comproba que ten un tamaño dun puño, con moi mal pronóstico”, apunta Rede. Pero a neta recibe malas novas a maiores no hospital trala revisión xeral no ingreso de Carmen xa que aparece outra úlcera da que non fora informada a neta, esta vez no sacro, “tamén dun tamaño escandaloso, desnutrición severa e infección de orina”. En apenas dous meses, Carmen, que entrou na residencia polo seu propio pé, perdeu totalmente a mobilidade, sufríu un gran deterioro cognitivo, e rematou no hospital en estado crítico con desnutrición severa e úlceras necróticas do grao IV do tamaño dunha pelota de tenis.
MÁIS DENUNCIAS
Nos xulgados de Galicia hai 6 querelas criminais admitidas a trámite por familias galegas de usuarias de residencias, interpostas a través da Federación REDE e do despacho de avogados Pérez-Lema, 2 en DomusVi Aldán-Cangas, 2 en DomusVi San Lázaro-Santiago, 1 en DomusVi Matogrande-A Coruña, e esta de DomusVi Monforte.