IniciosociedadeO Mago Iago, protagonista do último programa de ‘Got Talent’

O Mago Iago, protagonista do último programa de ‘Got Talent’

Este venres 6 de febreiro, o pequeno artista monfortino acadou os tres votos favorables do xurado conformado por Risto Mejide, Edurne e Dani Martínez despois de executar un dos seus números de maxia.

Publicado o

- Advertisement -

Iago Fernández é un cativo de 7 anos que vive en Monforte e que leva a paixón pola maxia dende que tiña tres. En Xornal de Lemos sentímonos orgullosos de ser o primeiro medio que se interesou polo seu talento, cunha entrevista que lle fixemos no ano 2019. Dende ese momento, máis entrevistas en medios, programas da TVG como o famoso Luar e agora, un paso máis chegando a Telecinco, concretamente ao programa Got Talent.

O propio Iago falou da súa precocidade artística na presentación previa á actuación, “empecei con tres anos axudando ao Mago Rafa no escenario”. A súa fascinación pola maxia e a súa naturalidade diante do público chaman a atención, e houbo un detalle da gala deste venres que así o confirma. Risto Mejide, un dos membros do xurado, destacou nel á hora de darlle o SI que o feito de actuar con simpatía e como un neno que é, sen querer facer números de maiores como fan moitos, convenceuno para valorar positivamente a súa actuación.

Iago puxo en práctica un número no que fai desaparecer ao seu peluche “Harry Potter”. A súa interpretación e execución conseguiron tamén o SI dos outros dous compoñentes do xurado, Edurne e Dani Martínez, que destacaron o seu lado cómico no acompañamento dos trucos.

Iago tras a actuación. Imaxe de Telecinco.

COMO CHEGA IAGO A GOT TALENT?

Comentamos co seu pai, Iván, como foi que se presentou a opción de participar neste programa e cóntanos que foron eles os que contactaron. A principios de  xullo do ano pasado consultou o messenger e viu unha mensaxe de maio que non chegara a ver no seu momento. Era de Got Talent e querían contactar con Iago porque viran vídeos del e interesáballes para o programa. Iván deulles o seu teléfono pero consciente de que ao pasar dous meses xa empezarían a gravar e que igual era xa tarde… Pero non, unha semana despois chamárono e xa concretaron como data o 25 de xullo.

Ese día tiveron que gravar varias tomas para a promoción do programa, fixeron algún ensaio no plató e pola tarde xa gravaron a actuación para o programa. Dende produción non lles deron data de emisión, e incluso lles comentaron que ao mellor non saía.

E chegamos a novembro de 2020. Chamaron de produción e pedíronlles un vídeo, momento no que os seus pais pensaron “isto vai para adiante”.

Esta pasada semana xa se puido ver a Iago nalgunha das promocións do programa en Telecinco, feito que comprobaron os pais de Iago por chamadas e mensaxes de familiares que o viron. “Así que vai Iago a Got Talent e non dicides nada”, comenta Iván que lles dixo moita xente. Segundo nos confesa, sabían que ía saír pero produción non lles deixaba anuncialo expresamente co cal aguantaron a intriga todo o que puideron.

IMPRESIÓNS DE ‘MAGO IAGO’ E REPERCUSIÓN

Falamos co protagonista para coñecer como viviu estes días e dinos sen pensalo “estiven moi acalorado só con verme”. As ansias destes días sabendo que se achegaba o momento da emisión foron grandes.

Cóntanos Iago que lle gustou como quedou a actuación e que se tivera que poñer un pero gustaríalle falar algo máis. Non nos estraña coñecéndoo. Xa tivo moitas mensaxes no momento previo á súa intervención no programa pero despois xa foi un non parar. O seu pai di que tivo que silenciar o móbil cando estaban vendo actuar a Iago e despois estivo ata case as 24:00 h. contestando mensaxes, moitos deles tamén coa axuda do artista da casa.

As redes sociais están a ser tamén, dende o venres á noite, testemuñas de agradecementos de amigos, familiares e veciñanza monfortina en xeral.

Tras os 3 ‘SI’ do xurado, agora a esperar se hai sorte e Iago pode alcanzar as semifinais de Got Talet.

ÚLTIMAS

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...