HomesociedadeIago Fernández, unha ‘historia de paixón pola maxia’ dende os 3 anos

Iago Fernández, unha ‘historia de paixón pola maxia’ dende os 3 anos

Este monfortino de 6 anos xa pode contar que foi un máis, entre os mellores magos do país, na ‘Gran Gala Final’ que deu remate ao XIV Festival de Vila de Sarria.

Publicado o

- Advertisement -

Iago Fernández é un neno que vive engaiolado coa maxia e cóntanos que dende os tres anos ten un especial interese polo tema, acudindo a canta actuación hai, e non só na contorna de Monforte, senón que ten realizado cos seus pais desprazamentos a nivel nacional e internacional para ver algún mago concreto.

Tras a súa participación nun concurso de talentos en Sarria no entroido, Roberto Lolo, coordinador do festival de maxia, como premio convidouno a participar na gala final deste evento que tivo lugar este domingo día 25. O caso é que foi todo unha sorpresa, non estando anunciado na programación, e causou sensación ver a un cativo tan pequeno facendo algúns números de maxia xunto a grandes artistas do oficio.

Falamos con Iago e co seu pai para coñecer esta particular historia de paixón pola maxia.

“Vin en Monforte ao Mago Rafa de Lugo e quedei coa boca aberta”

Iago atendendo a Xornal de Lemos no ‘Kanguro Park’ de Monforte

-Ola Iago, xa sei que queres ser mago de maior, pero dende cando che empezou a gustar a maxia?

Dende os tres anos. Vin en Monforte ao Mago Rafa de Lugo e “quedei coa boca aberta”.

-E supoño que seguiches vendo máis actuacións e máis magos e magas?

Si, dende ese momento cada vez que hai actuacións de maxia alí vou eu cos meus pais.

-Dime algúns sitios, fóra de Monforte, onde fuches?

Melide, Lugo Máxico, Sarria, Sober, Pobra do Brollón, Ames, Santiago, Peñíscola, Oporto, Barcelona…

-Barcelona e Oporto tamén?

Si, meus pais leváronme para ver o Mag Edgard, un dos meus preferidos.

-Tanta afección pola maxia levoute a querer aprender para ser mago de maior, non?

Si, claro. Quería apuntarme a clases de maxia e meus pais falaron co Mago Rafa.

“O Mago Rafa díxome que aínda era moi novo para aprender e que tiña as mans pequenas

-Que che dixo Mago Rafa cando lle comentaches o teu interese por aprender?

Díxome que aínda era moi novo para aprender e “que tiña as mans pequenas“, e non me quixo dar clases… pero ao ver os vídeos dunha actuación de maxia que fixen no cole si que quixo despois. Pero pediume que antes lle pedira aos Reis Magos un maletín para empezar e ter onde meter as cousas.

Actuación de Iago na clase. diante doutros nenos/as. Foto: Iván

-E os Reis trouxéronche o maletín?

Si, e a sorpresa foi que dentro había unha nota do Mago Rafa que me admitía nas súas clases.

-Que ben! E cando empezaches?

Este ano. Estiven indo cos meus pais a Lugo unha ou dúas veces por semana e Rafa foime ensinando cousas. Tamén fun comprando algúns xogos…

-Cantos xogos tes na casa?

Non sei pero teño xa bastantes.

-Contento coas clases?

Si. Nas clases estaba con Rafa e cos meus pais, ensíname moito.

-Cantos números sabes facer actualmente?

Uns 8 ou 10.

-E como chegaches a esa Gran Gala Final do Festival de Maxia de Sarria?

No entroido deste ano participei nun concurso de novos talentos en Sarria como mago. Alí viume Roberto Lolo e como lle gustou o que facía ‘como premio’ convidoume a participar na gala do Festival de Sarria.

Gala de ‘novos talentos’ na Sala Litmar de Sarria. Foto: Iván

-E xa tes pensado algún nome artístico?

Si, “O Mago Iago”.

Iago co ‘Mago Antón’. Foto: Iván

Despois de falar con Iago, falamos tamén co seu pai, Iván, que nos atende moi amablemente.

-Iago comenta que foi ver ao Mago Rafa o que acendeu nel o interese pola maxia. Foi así?

Como di Iago, a actuación do Mago Rafa en Monforte en agosto de 2017 é a orixe da súa paixón pola maxia pero hai un “antes” que explica que ese día fose “máxico”. Nos meses anteriores Iago viu dúas ou tres actuacións e gustáranlle moito. Ao volver das vacacións de xullo, os avós regaláronlle un xogo de maxia coincidindo co seu santo. Na celebración do santo había moitos globos e Iago, variña en man, dicía as palabras máxicas e os globos por “arte de maxia” explotaban (ou por arte dunha agulla je,je,je,…). A partir diso Iago pensa que estoupa os globos cos seus poderes e que é mago. Entón chega o día da actuación do Mago Rafa e cada vez que Rafa pide un voluntario alí está Iago tolo por saír o escenario. Cando por fin Rafa saca a Iago comeza a preguntarlle polo nome, de onde é, etc; pero chega un momento no que se produce o seguinte dialogo:

– Rafa: “Iago, ¿tes algo que contarnos?”

– Iago: “Si, que son mago.”

-R: Comooooo?

-I: Si, exploto globos coa miña variña máxica…

Aí comezou unha entrañable relación entre Iago e o Mago Rafa, a quen lle estamos enormemente agradecidos pola axuda que lle está prestando a Iago.

-Iago conta que Rafa non lle quixo dar clases nun primeiro momento. Cóntanos.

Díxonos que era moi novo, que había que esperar ata os nove anos para empezar coas clases, que de momento non daba manipulado as cartas. En xaneiro deste ano, Iago fixo unha actuación de maxia na súa clase. A profesora gravou os vídeos e mandámosllos a Rafa. Viu que Iago que tiña “algo” para a maxia,  que falaba e actuaba cunha soltura fóra do normal. A raíz deses vídeos, Rafa díxonos que estaba disposto a probar a darlle clases, que o seguía vendo moi pequeno e que nunca lle dera clases a ninguén tan novo -a Dani Polo comezou a darlle clases os 9 anos- pero que había que intentalo.

-Como levades esta ‘paixón pola maxia’ de Iago?

Estamos moi contentos desta afección de Iago pola maxia. Ademais de gozar dos espectáculos que imos ver e da “súa maxia”, consideramos que é unha disciplina que lle pode ser de moita axuda para máis adiante, siga ligado ou non a este mundo. É unha disciplina moi imaxinativa que lle obriga a estar razoando en todo momento e tamén lle esixe fomentar un hábito de traballo para ensaiar. Outro aspecto moi positivo relacionado coa maxia é que non lle dá “medo” actuar e falar diante do público. Ademais, cando ten “publico de fóra da casa” tende a “crecerse”. Cruzamos os dedos para que no futuro manteña esa ausencia de “medo escénico”.

-Sitios máis lonxe onde o tedes levado para ver magos/as?

Os primeiros desprazamentos un pouco lonxe foron aos Festivais de Maxia de Melide e de Ames. O ano pasado xa “tivemos” que ir a Porto (Portugal) e en abril deste ano desprazámonos a Barcelona para ver a Mag Edgard, quen tivo a amabilidade de amosarnos o seu lugar de traballo e ensinarnos o material empregado nas galas do programa Pura Maxia e nos seus espectáculos. Ademais deulle a Iago unha morea de regalos “máxicos”, entre os cales mencionar os zapatos empregados na gala final de Pura Magia.

Iago cun dos seus ídolos, ‘Mag Edgard’. Foto: Iván

-Algunha anécdota nestes anos que chame a atención? 

Anteriormente xa falamos da “noite máxica” vivida co Mago Rafa. Con posterioridade a esa noite, era raro ir pola rúas de Monforte e non escoitar “Ola, Mago Iago” ou “Aí vai o Mago Iago”.

Outra anécdota foi no Festival de Maxia de Ames. Despois de rematar Pura Maxia, e a medida que pasaba o tempo, Iago pasou de “querer ser” Dani Polo ou Anthony Blake a “querer ser” Mag Edgard. De Mag Edgard comezoulle a chamar poderosamente a atención a forma tan teatralizada que ten de facer maxia, a súa vestimenta, os aparellos que emprega nos seus espectáculos,…..

Iago empezou a dicir que quería un traxe como o que levara Mag Edgard no primeiro número da Gala Final de Pura Magia. Entón puxemos a avoa a coser e levámolo ao Festival de Maxia de Ames vestido de “Mini Mag Edgard”. Ao chegar a Ames estaban o Mago Rafa e o pai de Dani Polo que ao velo vestido así quedaron abraiados. Inmediatamente colleron a Iago e levárono ao interior dentro do teatro onde estaban os magos de Pura Magia preparando a actuación, entre eles Mag Edgard.

Vestido de “Mini Mag Edgard”. Foto: IVán

Edgard andaba pola zona superior de butacas, nese intre Dani Polo, que era o presentador da gala, colleu o micro e comezou a dicir “Señoras e Señores con todos vostedes Mag Edgard” e entón saíu Iago. Ao velo Edgard e os demais magos correron cara Iago e empezaron a facerse fotos con el. Todos os magos desa gala foron moi amables con Iago.

Cando fomos a Porto, Mag Edgard levou unha gran sorpresa ao ver alí a Iago e emprazounos a esperalo ao final do espectáculo. A partir de ese momento comezamos a manter unha relación máis estreita con este gran mago que cada pouco nos contacta para saber como está e cómo evoluciona Iago e para darlle consellos.

-Seguiredes indo a clases con Mago Rafa?

Esa pregunta é máis para Rafa, ja,ja,ja… Como gran mago que é, Rafa ten unha axenda moi cargada con multitude de actuacións por toda a xeografía española. Pola nosa parte estaremos encantados de poder levar a Iago a clase sempre que a Rafa lle resulte posible. Dende que iniciou as clases a mellora de Iago foi moi notable e para el sería fantástico seguir recibindo os enormes coñecementos que Rafa lle poida transmitir.

Aproveitamos para agradecerlle o Mago Rafa todo o que está facendo por Iago e sobre todo o agarimo e a amabilidade que lle traslada.

Gala Final XIV Festival de Maxia de Sarria / XdL

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge pecha inscricións con 1.200 participantes

En menos de dúas semanas celebrarase a undécima edición do Quiroga Trail Challenge. O...

O BNG concéntrase diante do Hospital de Monforte en favor da sanidade pública

A concentración estivo presidida polos Deputados do territorio e da área de sanidade no...

Axentes forestais ofrecen atención á veciñanza na Pobra do Brollón

O equipo de axentes ambientais adscritos ao Concello da Pobra do Brollón do Distrito...

Álvaro Gómez, promesa do bádminton e con orixes en Sober, bronce nunha competición internacional

Álvaro Gómez, xogador de bádminton vigués de orixe soberina --na parroquia de Lobios--, acadou...