Interior Galego Vivo avalía o Plan de Acción da Paisaxe Ribeira Sacra

"Non queremos unha paisaxe de consumo rápido para selfies nin falsos plans sen dotación económica. Queremos, como indicaba Otero Pedrayo, analizar e comprender o devalar do tempo na ribeira, na bocarribeira e na montaña... para transmitirlla nas mellores condicións ás futuras xeracións e que podan seguir vivindo aquí," sinalan desde Interior Galego Vivo.

Pintada en miradoiro / Agroma Sober

O Plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra, elaborado en marzo de 2021 pola Xunta de Galicia é “apenas unha proposta de sinalización de dous roteiros panorámicos a realizar en vehículos particulares, que contempla pequenas actuacións que non melloran os peores impactos sobre a paisaxe e fomenta un modelo turístico predador e fundamentado en converter o teritorio nunha marca territorial de consumo rápido e selfie.” 

Aseguran que se presenta como plan o que realmente son dúas actuacións puntuais para acondicionar lugares “onde sacar fotos para o Instagram. De feito, se ben o plan identifica elementos disruptivos da paisaxe, non ten o suficiente orzamento como para acometer todas as actuacións necesarias, limitándose o groso das accións á racionalización da sinalética e información sobre dous futuros roteiros, así como certas medidas de revexetación.”

Segundo Interior Galego Vivo o plan é unha tomadura de pelo, “asistimos a un modelo de grandes anuncios e improvisacións que dá titulares na decote, mais non se traduce en actuacións que realmente poñan solución ás problemáticas que padecemos.” Consideran que lle vai grande o nome de Plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra cando o orzamento é de 132.110 € repartidos en tres anualidades e dez concellos, tocando a 13.211 € cada municipio.

Ribeira Sacra/ Arquivo

Aseguran que o propio documento recoñece «a imposibilidade de abordar o desenvolvemento de todas estas actuacións a través do orzamento do Plan de Acción», polo que se está presentando un plan de medidas parciais e puntuais, aínda que se recoñece que compren actuacións xerais. Medidas que deberán implementarse no marco dun plan xeral para todos os concellos do ámbito BIC da Ribeira Sacra, con fondos suficientes e coordinación entre administracións. Insisten desde Interior Galego Vivo en que “as persoas que habitamos o territorio deberiamos ter algunha cousas a dicir e canles de participación. A pobreza de fondos deriva na pobreza de actuacións.”

“Un plan de promoción turística da paisaxe”

O documento reserva unha serie de actuacións para implementar polo Consorcio de Turismo, “que malamente o poderá facer sen un plan orzamentario amplo, pois trátase de actuacións moi necesarias que precisan gran volume de investimento e planificación, como é o soterramento de liñas eléctricas e a identificación de melloras nos entornos dos BIC, así como propor liñas de axuda a empresas e particulares.”

A Xunta terá que explicar, segundo Interior Galego Vivo, se isto se vai limitar a dúas rutas en coche de San Fiz de Asma ata os Peares e dende Doade a Santo Estevo de Ribas de Sil, e deberá explicar como conxugalo co Plan de Sostibilidade Turística e o fomento de rutas en medios de transporte público, coma o tren.

Sinalan que “Semella que o interese deste Plan de Acción é destacar a vista panorámica, crear itinerarios visitábeis en automóbil para comprender a paisaxe e facer fotografías, precisamente o modelo de turismo do que debemos refugar e que non xera valor para o territorio. Mais isto non é un plan de protección da paisaxe: é un plan de promoción turística da paisaxe. A actuación sobre a paisaxe non pode limitarse a un plan de itinerarios turísticos.”

O documento recoñece varios impactos na paisaxe cos que Interior Galego Vivo concorda como vexetación alóctona, mal estado de conservación de núcleos…, “problemáticas que vimos sinalando tamén nos períodos de exposición pública dos diferentes instrumentos de ordenación impulsados desde a Xunta (Reserva de Biosfera, BIC Ribeira Sacra, POMF San Fiz de Asma…) sen que se teñan feito nada ao respecto.”

Macroeólicos na Ribeira Sacra e un plan de participación social

Lamentan que non se sinale como ameaza de impacto sobre a paisaxe a instalación de macroeólicos nin os actuais muíños de vento existentes na contorna e si se identifique o impacto de granxas que «cortan as siluetas da paisaxe».

O documento recoñece que houbo pouca participación social, tampouco se incentivou, lembran desde Interior Galego Vivo, “Tampouco as diferentes alegacións presentadas pola sociedade civil e polos colectivos que integramos Por un Interior Galego Vivo se tiveron en conta e rexeitáronse en redondo. Presentaremos novamente alegacións ao texto centradas en propor máis investimento e actuacións na liña de revexetación, restauración ecolóxica, limpeza e conservación, promover a participación social e elaborar un Plan de Acción da Paisaxe global con orzamento suficiente.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here